En Mauthausen de 1941 a 1945

En Mauthausen de 1941 a 1945

08 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

En 1997 Roberto Benigni dirixiu e protagonizou a película La vida es bella, onde relata a vida nun campo de concentración nazi. Un ano antes morreu en Fene, Juan José Casal Chao "Chucho", quen pasou 4 anos no campo de Mauthausen. Contáballe ao seu sobriño que tiñan que comer as raices das arbores.

"Andaban con eles coma cos gorrións" contaba Avelino Casal do seu tio Chucho. Os nazis viñan por eles aos barracóns, seleccionaban a uns cantos, e dicianlles: "Imos facer unha viaxe,  metíannos nun tunel onde botaban o gas, os tonteaban e logo xa ian para o forno".

Juan José Casal Chao nacera en Barallobre (Fene A Coruña) o 30 de abril de 1910. En 1936 era cabo segunda do cruceiro Miguel de Cervantes, buque que se atopaba en Ferrol, pero que recibe ordes de coller rumbo ao estreito de Xibraltar. O 19 de xullo a dotación do barco, ao ter evidencia de que os xefes e oficiais pretenden sumarse ao golpe de estado contra a República, os deteñen e toman o mando do cruceiro. O Cervantes permanecerá durante toda a guerra defendendo o réxime establecido pola zona do Levante. En marzo de 1939 a raiz da entrada das tropas de Franco en Cartagena, Casal logra pasar a Francia e se instala en Marsella, onde ao pouco xa o prenden as tropas alemáns. Entra deportado no campo de exterminio de Mauthausen en abril de 1941. O Exercito americano libera aos presos en maio de 1945 (Estou vivo por unha hora, contarálle Chucho ao seu sobriño) e él entón trasládase a Toulouse onde entrará a traballar nunha fábrica de bicicletas.

Andando os anos fai xestións para retornar a Galicia e volve na década dos 50, volvendo vivir coa súa muller e cunha filla. Casal Chao entrará logo a traballar en Astano. Xunto con Chucho, outros galegos viviron tamén o pesadelo dos campos nazis. O ferrolán Marcelino Pardal Pouso, (falecido no ano 2009 en Beziers Francia), o tamén ferrolán Antonio Cendán, os mugardeses Manuel Fernández García (Olmedo) e José Pereira; Carlos Romero Rebón, de Cervás, Ares; os ferrolans Francisco Gómez Iglesias e Manuel Ponte Palmeiro; José Andrés Pena Losada, de Franza (Mugardos); Manuel Peña Martínez, de Freixeiro (Narón). O grupo máis grande de galegos en Mauthausen o formaban os procedentes de Ferrolterra.

Sociedade