En medios de transporte contan as pernas

En medios de transporte contan as pernas
15 de Abril, 2020 - 01:40 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene impulsa obradoiros para persoas maiores a través da web e da radio municipal. A coordenadora desta área de Benestar, Mª Xosé Paz, o monitor e psicólogo Jaime Lendoiro e o participante desde Sillobre, Antonio Carballido, inauguraron o espazo radiofónico "Recordando o noso" en Radio Fene, que versa sobre a evolución dos medios de transporte.

ESCOITA O PODCAST:

Seguide aquí o primeiro programa en tempos do Covid19 de "Recordando o noso" 

http://173.255.131.18/audio/150420PAZ.mp3

A pesar de que a situación de alarma obrigou a suspender a programación presencial de todas as actividades socioculturais, o Concello de Fene mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes da crise e, de paso, alixeirar a levanza do confinamento. Un exemplo é a páxina en facebook Fenequedanacasa, que vai camiño das 700 persoas seguidoras e onde se poden atopar propostas participativas de todo tipo entre fotos, literatura, música, exercicio físico, etc.

Tardes activas desde a casa

Ademais, a área de Servizos Sociais tamén se adaptou ás circunstancias ofrecendo a través de Fene.gal e de Radio Fene os programas "Tardes Activas desde a casa", "+Memoria" e "Recordando o noso", dirixidos especificamente á poboación de maior idade. Explícanos Mª Xosé Paz que  “Tardes activas dende a casa” é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma. Trátase dunha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo. As solucións aos retos propostos poden enviarse ao correo servizos.sociais@fene.gal.

Recordando o noso en Radio Fene

O Concello  tamén adaptou parte dos contidos a un formato radiofónico, de xeito que se faciliten as vías de participación ampliándoas a aquelas persoas que non teñan competencias dixitais ou que non dispoñan de ordenador ou alguén na casa que poida axudarlles. Así, o luns ás 12.00h. comezou en Radio Fene o espazo "+Memoria" proporcionando a través das ondas exercicios e actividades prácticas enfocadas á prevención do deterioramento cognitivo. Este aspecto refórzase desde outra óptica con "Recordando o noso", que arrancou hoxe mércores ás 12.00h. tamén na emisora local. Neste primeiro día abordouse a evolución e a transformación dos medios de transporte, e contou coa participación do seu monitor, Jaime Lendoiro e a coordenadora Mª Xosé Paz. Como se trata de que a xente participe no espazo para achegar os seus recordos sobre como se viviu en Fene esa transformación, hoxe o protagonista foi o veciño de Sillobre, Antonio Carballido que contou como ás 14 aniños baixaba andando desde a Feira de Albarón ata o Portazgo en Xubia e dalí 50 minutos máis en tranvía ata o destino, a Bazán en Ferrol. Adiántanos Lendoiro que os contidos deste gran capítulo dos medios de transporte son moi variados porque a maiores dos transportes convencionais, tamén entran as pernas, os primeiros turismos que tivemos, a rotura da ponte das Pías, etc... 

O obxectivo é tamén exercitar o cerebro a través da memoria pero, principalmente, búscase ofrecer un punto de encontro veciñal radiofónico co que crear comunidade e vencer o illamento social marcado polas actuais circunstancias.

En relación coa levanza do confinamento e os seus efectos sobre a convivencia ou o estado de ánimo, desde Servizos Sociais lémbrase que se pode contactar co departamento para obter axuda ou simplemente para conversar. Os teléfonos son o 981 492 706 e 981 342 607, ademais do correo servizos.sociais@fene.gal.

(Na imaxe, Mª Xosé Paz e H. Sanfiz esta mañá nos estudos de Radio Fene. Lendoiro e Carballido entraron por teléfono)

Institucional

Publica o teu comentario agora