En pleno Covid veñen con máis recortes

En pleno Covid veñen con máis recortes
29 de Maio, 2020 - 10:26 h. | Publicada por Radio Fene

"Ë unha loita pola dignidade" claman as traballadoras e traballadores das residencias e centros dependentes da Consellería de Política Social da Xunta que se manifestaron onte e volverán facelo cada xoves. A Xunta de Galicia extraoficialmente considera "retirada" a orde que falaba das vacacións e que meteu os cans na bouza.

ESCOITA O PODCAST:

“Imos loitar con todas as nosas forzas. É unha loita pola dignidade que non vai cesar porque se retire a instrución das vacacións” sentencia Zeltia Burgos da CIG, quen engade “ Creo que a xente se deu conta da importancia de ter uns centros públicos sans e competentes e iso só se consigue se teñen unhas condición laborais xustas”. Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT iniciaron onte un calendario de mobilizacións con protestas diante de todos os centros dependentes da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, despois de que a administración autonómica lles entregase a instrución de vacacións para este ano. A representante da CIG no ámbito da política social, Zeltia Burgos, explícanos que o problema non é o calendario en si, que tamén, senón que se presente cando as traballadoras e traballadores están aínda en “situación Covid” . Nun momento en que traballan ás veces ata 36 horas consecutivas e cando teñen un número importante de traballadoras infectadas, veñen falarlles da limitación do calendario de vacacións en quendas de 15 dias, "non é de recibo", afirma Zeltia Burgos.

“Trátase dun novo recorte que ven sumarse aos recortes anteriores que non se recuperaron nos últimos dez anos” explica. E pon como exemplos; a inexistencia dun tempo compensatorio de descanso cando se traballa en domingo ou festivo. Segundo Burgos, non se compensa de ningunha maneira, nin remunerado nin con tempo. Tamén a falta de persoal e de medios materiais. “E xusto agora presentan a limitación das vacación, xusto agora” insiste a representante da CIG. Son unhas 3000 persoas as afectadas, son traballadoras en residencias de maiores, residencias de atención á discapacidade (onde se rexistraron moitos positivos) residencias de menores, centros de día e escolas infantís.

Todos os xoves, e poderían ampliarse aos martes, van concentrarse diante dos seus respectivos centros de traballo para reclamar a retirada desta instrución e para recuperar os artigos do convenio suspendidos desde o ano 2012.

Sociedade

Publica o teu comentario agora