Enfermeiras emigrantes

Enfermeiras emigrantes
12 de Febreiro, 2020 - 11:22 h. | Publicada por Radio Fene

As enfermeiras e enfermeiros emigrados relatan que as condicións laborais nos países de acollida son moito mellores que en Galicia. A estabilidade profesional é o máis valorado polos que marcharon.

ESCOITA O PODCAST:

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita convoca outro mes máis unha concentración enmarcada no movemento ”12 Meses, 12 Loitas”. Desta volta a loita céntrase nas enfermeiras e enfermeiros que tiveron que marchar do país para exercer de maneira digna, nunhas condicions laborais xustas e onde os valoren como profesionais. Unha das integrantes do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, Patricia Casal, fálanos desta loita en concreto de febreiro e da situación laboral das enfermeiras-os emigrados. En relación coa temática deste mes, veñen de publicar un artigo na súa web con testimonios de compañeiros e compañeiras que traballaron ou traballan fora da nosa terra e que explican as condicións tanto laborais como personais e se valoran retornar algún día.

Días atrás, afirman, a Consellería de Sanidade déulles máis motivos para concentrarse, trala publicación dun comunicado anunciando a prohibición de “anuncios, cartéis e publicidade que podan resultar inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións” polo que, ademáis de apoiar aos compañeiros emigrados, tamén hoxe quixeron mostrar o rexeitamento dunha censura que vulnera a liberdade de expresión e seu dereito a mostrar a disconformidade coa xestión da Administración Pública.

Preguntada polo conflicto da falta de pediatras na comarca, Patricia Casal recoñece que non hai efectivamente pediatras nin para Ares nin para ningures en Galicia, pero dí que o problema é consecuencia da mala planificación. O colectivo concéntrase ás 12 da mañá no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e noutros centros hospitalarios do país.

Sociedade

Publica o teu comentario agora