Entre vila Nobili e Caldoval

Entre vila Nobili e Caldoval
11 de Outubro, 2018 - 09:49 h. | Publicada por Radio Fene

Mugardos conta cunha das poucas villae romanas escavadas cientificamente no territorio da antiga Gallaecia: trátase da vila de Noville. A orixe do nome debeu ser Vila Nobili, de Nobilius, nome frecuente en libertos e tamén en cristiáns. Permaneceu ocupada entre os séculos tres e seis despois de Cristo. Ademáis nas proximidades atópase o Museo de Caldoval, centro de interpretación da romanización de Galicia.

Caldoval. Inauguración do museo. Decembro 2017

A vila Nobili tiña unha planta en forma de U, centrada sobre un patio aberto cara á ría. Os muros que conforman o edificio son de cachotería de xisto, material predominante na zona. Tamén se usaron pezas de granito en lugares clave como esquinas e xambas. A vila contaba cun malecón ou embarcadoiro e cun hipocausto, sistema de calefacción baixo o solo da casa, propio de residencias señoriais. Tamén apareceu un salón absidado, indicativo da riqueza e prestixio dos propietarios. Hai restos de estruturas de dependencias para a servidume. A dieta incluía peixes, ameixas e lapas. Cultivaban os arredores e dispoñían de ovellas e cabras. Exportaban regularmente froitos do mar á cidade de Lucus Augusti. As escavacións de Noville, con prospeccións xeofísicas,  dirixunas en 1988 e 1989 Fermín P. Losada, contando coa participación de especialistas na época romana como X.Naveiro, segundo sinalan Juan Carneiro e Miguel Rodriguez no seu libro “Historia de Mugardos”.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora