Epidemia e toxina alíanse contra os mariscadores

Epidemia e toxina alíanse contra os mariscadores
28 de Abril, 2020 - 12:20 h. | Publicada por Radio Fene

O sector do mar, por non variar, é outro gran prexudicado nesta crise sanitaria. Achegámonos á confraría de Barallobre para falar co seu patrón, Jorge López Pena, e con el coñecer como están vivindo a pandemia.

ESCOITA O PODCAST:
Jorge López Pena, patrón maior da confraría de pescadores de Barallobre

O sector do mar, non ben sae dunha e xa se mete noutra. A depuradora e a venda están abertas pero a xente non vai mercar porque “nesta situación, o marisco non é produto de primeira necesidade” razoa o patrón maior da confraría de Barallobre (Fene). A Xunta e o goberno central non se dan posto de acordo sobre as lonxas e cada quen fai o que pode, uns decidiron faenar e outros quedan na casa, advirte Jorge López Pena.

Ademais non houbo maneira de entrar en ningún tipo de axuda, nin entraron no cese de actividade nin tampouco Bruxelas da resposta algunha. “A xente levaba entre 20 e 30 dias sen ter ningún ingreso e non lles quedou outro remedio que ir ao mar” explica o patrón de Barallobre. Cando coincide coas mareas, tanto a pé como a flote, están saíndo uns 30 ou 35 mariscadores e mariscadoras a faenar. A día de hoxe, en toda Galicia, ninguén recibiu ningún tipo de alternativa.

O único que se vende na confraría de Barallobre é a ameixa roxa a un prezo entre 6 e 9 euros o quilo. O resto está parado porque a hostalería está pechada, nin poden vender a Italia ou a Francia, que eran mercados para eles. Por suposto traballan coas medidas de seguridade, con máscaras e unha limpeza exhaustiva da lonxa.

Por se isto fora pouco, desde o xoves a ría está pechada pola presencia da toxina e agardando os resultados das análises que poderían coñecerse ao longo desta xornada. “A ver se podemos abrir mañá” declara Jorge López Pena quen engade que, antes da pandemia, xa estaban falando dun paro biolóxico. O desexo do colectivo é que “se dea unha solución para que, a pé ou a flote, a xente non teña que deixar de traballar e gañe un salario digno para vivir” conclúe o patrón maior de Barallobre.

(Imaxe do arquivo de Radio Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora