Escarabellar no pensamento dunha artista

Escarabellar no pensamento dunha artista
05 de Maio, 2020 - 01:32 h. | Publicada por Radio Fene

A artista fenesa, Laura Bouza, aproveita o confinamento para concretar os seus proxectos de futuro, tanto persoais como para o obradoiro artístico que dirixe.

ESCOITA O PODCAST:

O confinamento non pode coa simpatía da artista fenesa Laura Bouza. O seu laboratorio artístico “Laudas calamiti” permanece en situación de cese de actividade desde o 13 de marzo, cando se decretou a alarma sanitaria. En todo este tempo non parou de facer cousas, desde mellorar as instalación do obradoiro coa execución dun mural na fachada, ata estar  programando os campamentos de verán e un aula virtual, e mesmo preparar a súa próxima exposición particular que titulará “Hurgamientos desde el pensamiento”.

“Como artista paso o confinamento moi ben porque tes tempo para traballar na túa obra, pero é triste ver o obradoiro baleiro, sen pequeartistas” Así se sente Laura Bouza en relación a un confinamento obrigado que xa vai para dous meses. Ata que remate o estado de alarma o seu laboratorio seguirá en situación de “cese de actividade”. É por iso que xa dá por rematadas as clases por este curso.  Pero está metida de cheo na programación dos campamentos artísticos que Laudas Calámiti oferta no verán e que dará pronto a coñecer. Tamén traballa Bouza, coa axuda dunha experta, na posta en marcha dunha aula virtual para complementar as clases presenciais nunha plataforma que inclúe a súa páxina de artistas, a tenda online e a páxina do laboratorio onde pensa por en marcha esa aula á que accedería o seu alumnado a través dunha clave.

Estes meses de encerro serviron tamén a Laura Bouza para traballar na exposición que ten previsto en abril de 2021. Unha obra que a levou a investigar con novos materiais, neste caso con láminas de celulosa, e que “vai falar de cousas interiores miñas” aclara a artista e profesora fenesa, quen compartiu con nós este inquietante título “Hurgamientos desde el pensamiento”.

(Na imaxe, parte do mural inacabado de Laura Bouza, na fachada do seu laboratorio artístico en Fene).

Cultura

Publica o teu comentario agora