Esperame despierto no Teatro Jofre

Esperame despierto no Teatro Jofre

12 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O itinerario cultural “Andalucía conection”, incorporado á programación cultural deseñada polo Concello de Ferrol no Teatro Jofre para presentar as produccións andaluzas máis destacadas do ano 2010, inaugurarase mañá, xoves, coa compañía de danza Mopa e o seu espectáculo “Espérame despierto”.

Así o avanzou esta mañá a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, quen informou de que a actuación terá lugar no teatro ferrolán a partir das 20.30 euros e se enmarca, ao mesmo tempo, dentro do ciclo municipal “Dentro da caixa/danza”. As entradas están xa á venda na web www.ferrol.es/jofre e no Punto de Información Cultural (PIC) no horario de atención ao público: de martes a domingo, de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 -os días de función ata o seu inicio-. ¿O prezo? 5 euros.

Dirixida por Juan Kruz Díaz de Garaio Esnaola e interpretada por Eloísa Cantón e Juan Luis Mantilla, a produción que se poderá ver en Ferrol invita ao espectador, case desde a perspectiva do “voieur”, a contemplar a misteriosa relación entre dous personaxes que xogan coa continua metáfora do abandono, dúas persoas que viven ante os ollos do público momentos de sensualidade, dureza e humor. Ente eles entablan un diálogo que intenta, unha e outra vez, unha comunicación a través dunha linguaxe que eles mesmos construíron e da que se apropiaron. Así pois, “Espérame despierto”, que ten á música como o terceiro personaxe, desafía ao espectador a aceptar e acompañar como simples observadores e sen xuízo algún aos personaxes na súa cotidianeidade, nas súas actividades e na relación que entre eles se establece e se presenta.

O espectáculo, dunha hora de duración, foi estreado no Sarajevo Winter Festival do ano 2009 pola compañía Mopa. Compañía que naceu dentro dun obradoiro coa profesora Mirjam Berns, sendo a súa primeira produción “Danza extraterrestre”, no ano 2006. Así mesmo, acadou o Primeiro Premio do Certame Coreográfico de Madrid con “Mala sorte ou falta de talento”, en decembro de 2009.

Cultura