Espirito festivo na carreira de San Silvestre

Espirito festivo na carreira de San Silvestre
27 de Decembro, 2019 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

Un total de 529 persoas inscribíronse na Carreira e Andaina de San Silvestre que celebrará este sábado 28 de decembro o Concello de Fene. Será polas rúas do municipio, con  percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 metros e os 5 quilómetros. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo.

Carreira de San Silvestre. Fene

Na carreira absoluta anotáronse 275 atletas, namentres que nas categorías menores están apuntados 151, e a andaina contará con 103 participantes. Saída e meta están fixadas na casa consistorial e as categorías son as seguintes: Pitufos (nenos/as nados/as en 2014 e 2015) cun percorrido de 100 metros; Sub 8 (2013-2012) e distancia de 200 metros; Sub 10 (2011- 2010) e 400 metros; Sub 12 (2009-2008) e 800 metros; Sub 14 (2007-2006) e 1.200 metros; Sub 18/Sub 16 (2002-2003-2004-2005) e 2.500 metros; Absoluta (2001 e anteriores) e 5.000 metros e Andaina para todas as idades e un percorrido de 2.500 metros. A saída irase realizando de forma escalonada, segundo a categoría e comezando pola absoluta. O circuíto, sobre asfalto, estará pechado ao tráfico e controlado por Policía Local e Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, así como membros da organización. Así mesmo, as persoas participantes deberán retirar hoxe venres 27 o seu dorsal-chip no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13,30 horas e de 16 a 22 horas ou mañá día 28 no salón de plenos da casa consistorial de 10,30 a 13,30 ou de 15 a 16 h. Os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina e da Sub 18/Sub 16 tamén masculina e feminina recibirán un trofeo ou obsequio e todos os participantes, un agasallo. Así mesmo, o primeiro clasificado masculino e a primeira clasificada feminina da categoría absoluta recibirán ademais un lote de produtos cedidos por “Torre de Núñez”. E, unha vez rematadas as carreiras, realizarase un sorteo de dous lotes de produtos “Torre de Núñez” entre todas as persoas participantes tanto na carreira como na andaina.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora