Esténdense as consultas sobre o peso da relixión nas aulas

Esténdense as consultas sobre o peso da relixión nas aulas

31 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Cerca de nove de cada dez pais e nais de alumnos do IES Cacheiras están en contra de que a relixión teña valor no currículo académico dos seus fillos, e case tres cuartas partes rexeitan que comparta horario lectivo co resto das materias. Son as dúas conclusións da votación impulsada polo colectivo Somos Parte no único centro de ensino secundario do Concello de Teo

No referendo participaron 214 pais, nais ou titores legais dos 645 alumnos do IES Cacheiras, que recibiron nas súas casas papeletas coas dúas preguntas do referendo. A primeira delas referíase a se a relixión debe compartir horario lectivo co resto das materias. 149 persoas mostráronse en contra (un 74,5%) e 48 a favor, con 14 votos nulos e 3 en branco.

En canto á pregunta de se a relixión debería ter valor académico (isto é, contar, coma o resto das materias, para cuestións como o acceso ao ensino superior ou para a adxudicación de bolsas, tal e como recolle a actual Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), rexistráronse 175 votos en contra (87,5%), 23 a favor (11,5%), 14 votos nulos e 2 en branco. A xuíza de paz do concello de Teo, Rosa Gómez Limia, verificou a transparencia do procedemento coa súa presenza no reconto celebrado o mércores, 28 de maio, no que tamén participaron membros da ANPA.

Experiencia previa

Os resultados da consulta proposta por Somos Parte en colaboración coa ANPA do centro son moi semellantes aos recollidos en abril no CEIP dos Tilos (Teo). Entón, un 90% dos pais e nais votaron en contra de que a relixión conte no currículo académico, e un 70% rexeitaron que comparta horario co resto das materias. A intención de Somos Parte é estender este tipo de referendos a outros centros educativos de Galicia. Entre este venres 30 de maio e o martes 3 poderán votar, durante todo o horario lectivo, os titores legais dos nenos e nenas do
CEIP A Ramallosa, tamén en Teo.

Somos Parte

Somos Parte é unha Plataforma de Pais e Nais por un Ensino Público Democrático que consideran que as decisións que atinxen á educación dos fillos deben contar co consenso de toda a comunidade educativa; isto é: estudantes, pais e nais, e ensinantes. A plataforma pretende dar voz a pais e titores legais e coñecer, a través deste tipo de iniciativas consultivas, a súa opinión sobre materias de grande importancia no ensino.

Sociedade