Esta terra ten nai, afirmou a tía de Tonhito de Poi

Esta terra ten nai, afirmou a tía de Tonhito de Poi

12 de Setembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

"Esta terra ten nai" indicou a tía de Tonhito de Poi, despois de coller coas mans a terra, ulila, e aludir así á boa calidade do terreo. O vocalista de Herdeiros da Crus relatou a anécdota na Casa do Concello de Rianxo, no acto de presentación da campaña "Móllate polo galego".

Esta mañá, no salón de plenos do Concello de Rianxo, tivo lugar a presentación da campaña de sensibilización sobre o idioma galego "Móllate polo galego", patrocinada polo Concello de Rianxo e organizada pola plataforma de medios de comunicación "Vitaminas para o galego". Na presentación estivo o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o músico ribeirense Tonhito de Poi e o xornalista Pablo do Paso, do xornal Certo.

Segundo explicou o alcalde rianxeiro, "este concello sempre ten no bico o idioma galego e é un pracer para nós colaborar con esta campaña de concienciación que fan os medios en galego, precisamente aqueles que traballan sen subvencións e sen grandes convenios e seguen apostando pola lingua".

Tonhito de Poi: "somos o que falamos"

O integrante de Herdeiros da Crus, Tonhito de Poi, resaltou na súa intervención a importancia da lingua nai, que salientou cun par de anécdotas chamativas. Nunha ocasión, nunha viaxe a New York, nun curso que tomou, logo de intervir nunha clase, un norteamericano dirixiuse a él e preguntoulle "de onde era, porque a miña voz soáballe a terra e a mar. Expliqueillo e entendeuno, e non coñecía de nada Galicia", explicou este artista de Ribeira, que tamén está agora a aprender a plantar na horta da súa tía, o outro día, ao coller un anaco de terra coa man dixo algo que lle chamou a atención: "Esta terra ten nai". En lugar de dicir que era unha terra co ph axeitado, para plantar, dixo iso tan fermoso e tan claro en galego". Tonhito de Poi ten claro que "se somos galegos é polo idioma, e se somos así de fermosos, é porque o idioma nos fai así, somos o que falamos". Tamén salientou que, a nivel profesional, iso de falar en castelán ou en inglés non é necesario para trunfar: "onde eu me movo, na música, a linguaxe dos deuses, inda menos".

A seguir, o xornalista boirense Pablo do Paso, de Certo, explicou as características técnicas da campaña. Trátase dunha iniciativa de concienciación dirixida fundamentalmente á mocidade, pero interrumpiuno Tonhito de Poi para sinalar que "hai miniños de 99 anos", polo que só se vai pedir aos que queiran participar nela que envíen unha fotografia ao correo electrónico mollate@vitaminasparaogalego.gl

Sociedade