Este curso rematou en falso

Este curso rematou en falso
07 de Xullo, 2020 - 12:52 h. | Publicada por Radio Fene

A dúas semanas do fin do curso escolar, a Confederación de Anpas de Galicia manifesta estar farta da Consellería de Educación.  Tras un balance da “nefasta xestión realizada pola administración educativa baixo o estado de alarma", as Anpas pregúntanse polo próximo curso escolar 2020-2021.

A Anpas galegas reclaman o seu dereito a coñecer como se vai organizar o próximo curso, cales van ser os requisitos de espazo, de comunicación, de distribución de aulas, de utilización de instalacións comúns, de entradas e saídas dos centros, de como se vai garantir a seguridade dos seus fillas e fillos, e a das súas familias en consecuencia, en transportes e comedores escolares xa de por si saturados. Reclaman o dereito a saber de que maneira a consellaría de educación ten planificado como vai atender ao alumnado galego en centros escolares masificados, con rateos por aula absolutamente desbordados "logo de anos e anos de recortes innecesarios, con instalacións cun mantemento insuficiente, e cuns orzamentos constantemente á baixa".

Entre as suxerencias que a asociación presidida por Fernando Lacaci fai á administración autonómica estaría incluír nos centros a figura do profesional sanitario que sabe de prevención de contaxios e de control de epidemias. Demandan que o curso que ven ten que comezar aí mesmo, onde parou, para garantir que todo o mundo poida chegar ao final do curso próximo con garantías de éxito. Porque dín: “Non é certo que se creara da nada unha formación en liña que fora aproveitábel por todo o alumnado; non é certo que todo o alumnado estivera conectado; non é certo que todos os nosos fillos e fillas tiveran as mesmas oportunidades e a mesma atención”.

As Anpas queren, en definitiva, unha consellaría que fale con eles, que inicie canto antes un diálogo de traballo, e que se responsabilice do que vaia suceder a partir do 10 de setembro. Porque dín que a resposta a todas as súas preguntas é sempre a mesma: non hai nada feito, non hai nada previsto, non hai un plan A, un B ou un C, non hai organización, nin instrucións, nin ideas.

Cultura

Publica o teu comentario agora