Estréase mercado en Caranza despois de anos de protestas

Estréase mercado en Caranza despois de anos de protestas
12 de Decembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A apertura do Mercado de Caranza deixou un sabor agridoce nas bocas de moitos. Por fin conseguiron que o Concello de Ferrol modificase as infraestruturas para conseguir un espazo de traballo propio destes tempos e non de 1983, cando se inaugurou. Aínda así, case a metade dos 16 postos están de momento baleiros.

Entrada do Mercado de Caranza

A reforma do mercado de Caranza modernizou un terzo do total do espazo. Os locais son máis seguros e cómodos tanto para os praceiros como para os clientes. Un ascensor e unha entrada acondicionada para xente como mobilidade reducida preceden un mercado branco no que as cores veñen polos produtos dos postos.

Os tendeiros máis veteranos manteñen os seus negocios pero en locais moito máis modernos aínda que de forma provisional. A súa concesión caducou hai anos. Aínda así son eles os que manteñen viva esta praza. Hai lugar para máis tendeiros pero as caras que se ven no mercado son as mesmas que hai 10 anos.

Seguen pendentes da segunda fase de remodelación deste inmoble pero sen data fixa. A pesar diso e despois dos case 800.000 euros invertidos, os veciños teñen iso polo que levaban loitando anos. Un mercado municipal seguro, moderno e adaptado a todas as necesidades. Falta que cheguen máis comerciantes que fagan máis diversa e variada unha oferta de produto de quilómetro cero.

Sociedade

Publica o teu comentario agora