Eu declaro en galego

Funcionarios/as pola Normalización Lingüística promove a campaña "Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito"
26 de Marzo, 2019 - 08:40 h. | Publicada por Radio Fene

A campaña difundirá polas redes sociais imaxes de xente de todos os ámbitos da noso país apoiando explicitamente a declaración da renda no noso idioma.

A Asociación de Funcionarios/as pola Normalización Lingüística promove a campaña "Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito". Nun escenario de reivindicación do dereito recoñecido pola normativa a relacionarse coas administracións públicas na nosa lingua propia, preténdese promover, entre outras actuacións, a utilización da lingua galega na presentación da declaración da renda do ano 2018 que comenzará o 2 de abril e que rematará a principios do mes de xullo. Este é un xesto sinxelo e inmediato pero, ao mesmo tempo, de elevada importancia. Por un lado promóvese o exercicio dos dereitos que xa están recoñecidos nas diferentes normativas, e polo outro, é unha mensaxe á Administración estatal para que corrixa a inxusta situación e a marxinación da lingua galega en organismos da súa dependencia. Hoxe en día, a pesares do recoñecemento normativo, existen aplicacións informáticas da Axencia Tributaria, Seguridade Social, Xustiza ou Tráfico que non ofrecen a opción do galego.

A campaña.

Entre outras accións, ao longo destes tres meses difundiranse polas redes sociais imaxes de xente de todos os ámbitos da noso país apoiando explicitamente a referida campaña, remitiranse propostas de mocións para que diferentes concellos galegos fagan unha declaración en defensa da utilización da lingua galega diante das administracións públicas, solicitarase o apoio de diferentes colectivos.

Apoio legal

O Defensor del Pueblo ten en curso unha investigación de oficio ante a Administración Tributaria pola reiterada inobservancia da cooficialidade lingüística. A este respecto, a citada institución ten manifestado que "a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa, senón unha suxeición para a Administración e non debe aceptarse a persistencia durante anos de situacións que amosen como o uso das linguas cooficiais non é normal, habitual, fluído e sen dificultades maiores. Trátase dunha cuestión que transcende o seu carácter cultural, merecedora ademais non soamente dun mero respecto e protección, senón dun "especial" respecto e protección (artigo 3 da Constitución)”. Mesmo indica que o uso das linguas cooficiais alcanza á dignidade das persoas. A elección por parte destas dunha lingua cooficial ten relación directa cos seus dereitos fundamentais e co libre desenvolvemento da súa personalidade. Cuestión esta de importancia xa que son nada menos que fundamento da orde política e da paz social (artigo 10 da Constitución)". En termos semellantes veñen de pronunciarse nos últimos anos organismos internacionais como a ONU, en particular a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, cando ao referirse aos dereitos lingüísticos establece que os mesmos son unha parte integrante dos dereitos humanos e como tales deben ser tratados.

Cultura

Publica o teu comentario agora