Eu son Teruca Bouza

Eu son Teruca Bouza
30 de Xaneiro, 2021 - 09:09 h. | Publicada por Radio Fene

Teruca Bouza Vila (1906-2005) foi unha desas mulleres "irmandiñas" que, nos albores do século XX, se incorporaron aos espazos públicos. Ela fíxoo no seo da Asociación da Paisaxe Galega do Seixo, a súa vila natal, desde moi noviña. Participou activamente en labores de arquivo, biblioteca, pintura, pero onde destacou foi no teatro. Hoxe o grupo teatral do Seixo leva o seu nome.

APG

O 10 de outubro de 1927 nace no Seixo (Mugardos) “Amigos del Paisaje gallego” impulsada polo pintor da localidade, Felipe Bello Piñeiro. Tiña como misión inculcar o amor á paisaxe galega e levar a cabo actividades artísticas e culturais desde un local social na coñecida como Casa da Rampa, un espazo grande e con moita luz, coas paredes cubertas de cadros de pintores galegos, onde van reunirse os numerosos socios e socias da entidade. Adicaranse a fomentar actos culturais e adicar tempo aos bailes, biblioteca (a primeira da comarca) , arquivo, teatro, debuxo, pintura e música. O primeiro presidente será Federico Casteleiro Vila. A nota singular desta entidade no período de preguerra será a alta participación das mulleres nas diferentes seccións. Neste medio vai destacar o traballo dunha muller chamada Teruca Bouza Vila. Desde moi noviña formou parte da APG iniciándose no cadro de declamación aínda que tamén participou nos traballos de arquivo, artes decorativas, pintura e na biblioteca. O cadro de declamación realizou un traballo intenso. Nunha entrevista ao pintor Bello Piñeiro, este dixo de Teruca: “ Vexa vostede un xenio, a señorita Teruca Bouza fixo belas e acertadísimas traduccions, pasando libros e comedias castellanas ao galego, é unha rapaza listísima".

Datos biográficos

Teruca Bouza Vila naceu no Seixo o 13 de abril de 1906 cursou estudos prima-rios e desde moi nova pertence á APG, iniciándose no cadro de declamación. Pronto formará parte do Coro Toxos e Froles de Ferrol co que representou varias obras como “ O cego de Xestosa” ou “O deputado Lubicán”. Nos entreactos das obras tamén cantaba. O seu traballo foi mais aló porque traducía ao galego as obras, consciente da importancia do teatro como medio de galeguización, e mesmo realizaba os cartaces das mesmas, influída pola pintura de Bello Piñeiro. Teruca Bouza casa en 1932 con Antonio Rodríguez Couto. El regresa a América onde tiña emigrado e ela reunirase con el en Nova York en 1937 onde enviuvará aos dous anos, ficando cunha meniña de poucos meses. Traballou nunha fábrica de costura e volverá casar aló en América cun home do Seixo, Xosé Espiñeira, emigrado alí. Fixo tres viaxes á súa terra para asistir á voda da irmá ou á morte dos pais, en 1948, 1958 e 1968. Teruca Bouza morreu no ano 2005. En 1991 a Sociedade Amigos da Paisaxe Galega volveu poñer en marcha o seu grupo de teatro que bautizaron co nome de Teruca Bouza. Ela enviou unha carta ao presidente para amosarlle o seu agradecemento.

O cadro de declamación.

Naquel primeiro grupo, integráronse as mulleres, Juanita Méndez, Emilia Carballo, Dora Porta, Manola Rey, Carmen Lorenzo, Amparo Agras, Lola Bellón e Teruca Bouza, quen tamén cantaba xunto a Violeta Riveiro, entre outras. Ademais de actuar, Teruca Bouza encargábase da tradución das pezas. O grupo da APG fíxose moi popular alí onde actuaba pola representación da obra de Molière “O médi-co a paus” traducida e adaptada por Teruca e que estrearon o 26 de agosto de 1928 no seu local social. Gran éxito colleitaron no Teatro Xofre o 11 de xaneiro de 1929 coas pezas de Avelino Rodríguez Elías, “Os catro túneles” e “ O miñato e mais a pomba” coa participación de membros do Real Coro Toxos e Froles. O decorado fora pintado por mulleres da asociación. O cadro do Seixo, que ía nutríndose de mais mulleres, representou en datas sucesivas pezas como “Naufraxio” e “ Noite de luar”, “A retirada de Napoleón” con Teruca Bouza ao fronte. Na etapa da República o grupo teatral continuou a súa actividade con galas benéficas ou non, con veladas musicais e teatrais. O 3 de setembro inaugurouse no Seixo o local da Irmandade da paisaxe Galega.

(Do libro “Irmandiñas” de Aurora Marco. Ed. Laiovento 2020)

Cultura

Publica o teu comentario agora