Europa Cinemas premia a Ramiro Ledo como emprendedor do ano 2020

A recuperación da sala en Ferrol pesou á hora de outorgar o galardón
09 de Decembro, 2020 - 10:54 h. | Publicada por Radio Fene

O director e programador de DUPLEX Cinema recibe este galardón por reabrir a última sala que quedaba en Ferrol, cunha aposta renovada polo cinema independente e en versión orixinal, que desde Europa Cinemas valoran especialmente. Desde Europa Cinemas poñen en valor a experiencia previa de Ramiro, vendo en NUMAX, de Compostela, o xermolo deste recoñecemento en 2020. 

DUPLEX Cinema pasou recentemente a integrarse en Europa Cinemas, unha rede promovida pola Unión Europea para recoñecer o labor das salas que apostan fortemente polo cinema europeo. Hoxe acabamos de coñecer que os responsábeis da mesma decidiron premiar a Ramiro Ledo, director e programador, co premio "Entrepreneur of the Year 2020", que recoñece o labor do proxecto de emprendemento na exhibición máis destacado do ano en Europa. No contexto español, este premio ten unha especial relevancia, ao ser a primeira vez que se recoñece un exhibidor español sen presenza en Madrid ou Barcelona. Nos 17 anos de existencia do "Entrepreneur of the Year Award", os outros dous exhibidores españois que recibiron este galardón foron Josetxo Moreno, de Golem (2013) e Enrique González Macho, de Cines Renoir (2006), dous dos proxectos de exhibición independentes de referencia e máis importantes a nivel estatal.

Cada ano, a institución europea recoñece a tres profesionais nas categorías de programación, accións para o público novo e emprendemento. Desta volta, Elise Jalladeau, das salas Olympion e Warehouse en Tesalónica (Grecia), recibe o premio ao mellor programa. En Malmö (Suecia), o cinema Panora, con Per Larsson na dirección, é recoñecido polas súas actividades de educación en cinema para os máis cativos. Por último, DUPLEX Cinema, con Ramiro Ledo á fronte, leva o galardón ao proxecto emprendedor deste 2020. O xurado valora especialmente a valentía de abrir un cinema destas características nunha cidade pequena como Ferrol, máis nos tempos que corren, citando en especial a situación de pandemia que está a impactar a todos os cinemas europeos. Tamén ven como moi positivo que contemos cunha programación diversa, que aposta claramente polo cinema independente e en versión orixinal. Indican que grazas a unha xestión dinámica, a sala é competitiva e que logrou dobrar os espectadores que se viñan facendo anteriormente.

En DUPLEX Cinema, agradecen moito este recoñecemento, que lles dá moitos folgos para continuar nestes tempos complicados coa aposta editorial. Están contentos de que desde Europa recoñezan o labor da súa sala, mais tamén que estean ao tanto doutras iniciativas como NUMAX ou Codex Cinema, que poñen a Galicia no mapa como unha rexión en Europa que está a apostar pola diversidade do cinema comunitario de xeito dinámico e moderno.

 

(Na imaxe, Ramiro Ledo, na roda de prensa previa á inauguración das salas Duplex Cinema de Ferrol)

Cultura

Publica o teu comentario agora