A executiva de Fene responde

A executiva de Fene responde
06 de Febreiro, 2020 - 08:49 h. | Publicada por Radio Fene

A 27 horas da moción de censura ao alcalde do PP, a executiva da agrupación socialista de Fene responde a Mar Piñeiro que actúa pola súa conta e que debe á militancia o posto que ocupa na corporación. Instan á concelleira a que dimita e faga públicos os acordos acadados co BNG.

A executiva do PSOE de Fene pide a dimisión das edís que asinaron a moción de censura. “As faltas de respecto á militancia da Concelleira Mar Piñeiro Otero non teñen xustificación posible, son intolerables e a sitúan fora da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Fene” aseguran textualmente nun comunicado. Engaden que Mar Piñeiro actuou por intereses persoais e usurpou competencias aos órganos da agrupación. Segundo o comunicado asinado polo secretairo local, José Carlos Romero, non existe ningunha disposición estatutaria do PSOE que autorice á concelleira a actuar pola súa conta. Tachan de “impresentable” o feito de tratar de cuestionar os horarios da asemblea realizada o pasado 30 de xaneiro e as desculpas presentadas para non asistir á mesma.

“A única cuestión que se debate é a gravísima irregularidade que supón que unha concelleira do grupo socialista, a título particular, usurpe as competencias dos órganos do PSdeG-PSOE de Fene e asine unha moción de censura do Concello e Fene sen que os órganos do partido poidan coñecer e debater os contidos dese acordo”. Engaden que a Concelleira Mar Piñeiro Otero mellor faría en respectar á militancia a quen debe o posto que ocupa e presentar de inmediato a súa dimisión, unha petición que a Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Fene fai extensiva ao resto das concelleiras que a acompañen nesa aventura persoal. Finalmente instan á portavoz municipal a facer públicos os acordos de goberno, programáticos e de distribución de competencias, que alcanzaron co BNG de Fene.

Institucional

Publica o teu comentario agora