Expertos en Patrimonio participan esta fin de semana nas VI Xornadas Proxecto Esmelle

Expertos en Patrimonio participan esta fin de semana nas VI Xornadas Proxecto Esmelle

16 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O encontro ten como obxetivo facer balance do traballo realizado ao longo do último ano ademais de establecer novas metas para o futuro do Proxecto Esmelle. Segundo o presidente da AAVV, Miguel Parra, o máis importante deste programa foi conseguir que os veciños da parroquia comezaran a compartir o seu tempo e se uniran por unha causa común: recuperar e manter o seu patrimono material e inmaterial.

As VI Xornadas Proxecto Esmelle comezarán o sábado ás dez da mañá no propio local da AAVV de Esmelle. Logo da inauguración, a doutora e especialista en Patrimonio e Sociedade, Rosa Méndez, falará sobre o patimonio cultural e os sinais de identidade e territorio, mentres que Germán Castro, director de Diario de Ferrol, impartirá unha ponencia que leva por título “Esmelle: un proxecto espello duns veciños”.

A continuación, Ana Cabana Iglesias, doutora en Historia e profesora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago retomará o ciclo de intervencións, abordando os usos antigos e novos dos montes galegos. Do desenvolvemento rural e a evolución nas políticas europeas falará Mar Pérez Fra, doutora en Economía e profesora da Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC. O programa pecharao Araceli Serantes, profesora da UDC e membro do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental, cunha charla acerca das recomendacións para interpretar o patrimonio ou como lograr que os outros tamén namoren do noso. A xornada rematará cun xantar e un pequeno roteiro polo Val de Esmelle.

Sociedade