Expertos internacionais participan nun congreso sobre emerxencias en Cangas

Expertos internacionais participan nun congreso sobre emerxencias en Cangas

13 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Que non se asusten aqueles que o domingo en Cangas vexan ambulancias, bombeiros, cans adestrados e ata un helicóptero de rescate. Trátase dun grande simulacro que pon o broche final ao III Congreso Internacional de Persoal Técnico de Emerxencias que arrincou esta xornada no concello pontevedrés.

O simulacro realizarase na zona portuaria de Cangas, no contorno das instalacións da Confraría de Pescadores. Actores do grupo Teatro de Cadaquén farán o papel de obreiros que traballan nunha obra de rehabilitación. De súpeto, unha explosión provoca unha intensa fumareda e despréndese parte da fachada. O accidente sáldase con 13 vítimas entre traballadores e habitantes do inmoble. Dúas delas están sepultadas baixo os cascallos e outra permanece no tellado co abdome atravesado por un obxecto. Ante esta situación ficticia, actuarán os bombeiros, varias ambulancias do 061, Protección Civil, cans especialistas e o helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas. O coordinador do evento, Óscar Graña, explicou en Radiofusión que todo aquel que o desexe poderá ver de preto como se actúa ante unha emerxencia deste tipo.

O III Congreso de Persoal Técnico de Emerxencias, que arrincou esta mañá e desenvolverase ata o domingo, reunirá a máis de 300 profesionais. Entre eles, destacan expertos que traballaron nos terremotos de Alxeria e Paquistán ou nos conflitos bélicos de Uganda e Congo. Tamén se poderá coñecer de primeira man o labor que se realiza en Canarias e Andalucía cos inmigrantes que chegan en caiucos. As mulleres pioneiras serán outras das protagonistas, xa que o evento renderá homenaxe a aquelas que abriron o camiño feminino no eido das emerxencias.

Sociedade