Expogrelo consolida a súa presenza como canal de comercialización

Expogrelo consolida a súa presenza como canal de comercialización

23 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A cuarta edición de expogrelo despediuse con éxito o sábado en Abadín. Miles de visitantes déronse cita no recinto feiral de Gontán para degustar o prezado produto, que acadou o prezo dun euro o feixe e que non supuxo ningún incremento con respecto de outras edicións.

Os 23 produtores comezaron a súa actividade pola mañá. Cando o reloxo marcaba as nove, os representantes do concello, organizador do evento, asignaron os postos a ocupar para poder comezar a venda. Unha hora máis tarde eran os visitantes os que xa podían admirar os 3.000 quilos do brote de nabo.

Pero a xornada non só viviu do bo tempo, circunstancia esencial segundo os organizadores para o seu éxito, senón da música da Charanga de Vilalba, que amenizou a mañá. O tempo do antroido fixo o resto, xa que houbo presenza de disfraces, música e boa animación.

Esta cuarta edición de Expogrelo supón un bo avance na súa consolidación como canal alternativo de promoción e comercialización do grelo, por cuia venda aos intermediarios os produtores obteñen un prezo moi por debaixo do euro co que foi comercializado.

A tenente de alcalde de Abadín, Begoña Gaute, considerou este tipo de eventos, “un éxito para a produción, promoción e comercialización deste produto, porque permite darlle unha esfera externa, ademais da venda directa, na que o marxe de ganancia é maior para o cultivador”.

Sociedade