A exposición do premio Internacional Jesús Núñez, en Fene

A exposición do premio Internacional Jesús Núñez, en Fene

17 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene acollerá desde o venres 19 de marzo até o 6 de abril a exposición correspondente á III edición do Premio Internacional de Arte Gráfica, Jesús Núñez. A mostra integranna un total de trinta obras de diferentes técnicas gráficas, seleccionadas por un prestixioso xurado entre as 219 presentadas ao certame.

Na exposición poden contemplarse obras como “Invisible Darkness”, unha xilografía en papel a dúas tintas, da artista madrileña Eva Santín, que foi por unanimidade do xurado a gañadora do certame; ou as obras galardoadas cos accésits no certame: “Serie continentes. La hilandera”, de Alicia Candiani e “Retrospectiva”, un gravado en plástico a unha tinta, de Alberto César Lavera, ambos os dous procedentes de Arxentina. 

Ademais, na mostra poden contemplarse outros 27 gravados seleccionados para a mostra.  Todas estas obras compéndianse ademais nun catálogo editado pola Deputación da Coruña que permite prolongar no tempo esta experiencia expositiva e levala a máis lugares da provincia.A gañadora do certame, Eva Santín, é licenciada en Belas Artes pola Complutense de Madrid no 2008, o mesmo ano que gaña o primeiro premio Internacional de Arte Gráfica, Jesús Núñez e outros na Comunidade madrileña, como o de Xóvenes Creadores da Calcografía nacionalA exposición complétase con obras dos artistas, Ernesto Alva Franco, Javier Aranguren, Cristina Brea Lodeiro, Josefina Canal Rodríguez, Pablo Casado, Anas Castro Feijoo, Pablo Delfini Ana, Luis Filipe Folgado, Alberto Fojo Ferrer, Anne Heyvaert, Sonia Higuera, Gonzalo Sebastián Jorge, Ariel Kofman, Erramun Landa Mendibe, George Lebzelter, David Maes, Julia Matute, Juan Carlos Mestre, Beatriz Moreiro, Cristina Moroño, Susana Murias, Xosé Poldras, Eva Poyato, Pepa Satué, Israel Tamayo e Mauro Vallejo de Lucio.

Deles, Cristina Brea, Alberto Fojo, Anne Heyvaert e Xosé Poldras son galegos, mentres que os restantes 23 son doutras comunidades autónomas españolas, Arxentina, Austria, Cuba, Estados Unidos, México e Portugal.

Sociedade