Fabas, ervellas ou feixóns

Fabas, ervellas ou feixóns
12 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ervella, fabeira ou feixón. Así se denomina en Galicia a esta leguminosa, semente madura e seca da planta que gabea por paus chantados no terreo. Nas vaíñas veñen varias fabas que se poden secar e gardar. De feito relacionanse co primeiro sedentarismo como se as fabas fosen a primeira despensa porque permite gardalas e comelas pasado o tempo.

As fabas viñeron de Asia e coñecíanas os gregos que non as estimaron moito como alimento. Usávanas para votar nas asembleas. Coidaban que nos legumes, e en especial nas fabas, se reencarnaban os seus familiares e por iso non adoitaban pisalas. Conta a lenda que Pitágoras morreu asasinado por non pisar un campo de fabas ao fuxir dos seus inimigos. As da fabada asturiana teñen forma de ril. Quedan do outro lado do Atlántico moitos tipos de fabas ben prezadas para as súas receitas culinarias como os frijoles de México, os feijòes do Brasil e os porotos de arxentinos e uruguayos. Hai fabas máis pequenas como as que utilizan os cataláns nas súas seques que poñen con botifarra, salchichas e chourizos.

A fabada clásica é xantar de cristián vello, mesturada con carnes de porco. Así amosaban a súa querenza polo porco en contra dos xudeus e cristiáns conversos, demostrando a súa pureza de orixe. En Galicia, as de máis sona son as fabas de Lourenzana na Mariña e as de Coristanco en Bergantiños, fabas das chamas “da Granxa” pola referencia ao pazo real de San Ildefonso, pero as nosas máis grandes e manteigosas. É común velas no caldo pero tamén se usan moito nos guisos con chourizo. Están en tantos pratos que hai un dito popular “É como a faba do pote” para significar a unha persoa que aparece en todas partes sen ser chamada.

Os galegos chamamos fabas ao que os casteláns denominan judías. Estas son para nós os feixóns verdes. Nos últimos tempos mestúranse as fabas con case todo. Entre carnes de lebre, año, talladas de carne salgada, pero tamén cos peixes de carne dura como o bacallau, peixe sapo, o congro, a xiba, o polbo e as luras. Tamén están co marisco, especialmente coas ameixas. Máis lixeiras fense á vinagreta con pementos crús e cebola.

Nós propoñemos fabas con ovos e pan fritido:

Poñer a ferver as fabas logo de telas unha noite a remollo. Cocelas en branco con sal, un chorro de aceite, unha cebola enteira e un allo esmagado. Aparte preparar un salpicón con cebola picada, pemento verde, pirixel, aceite, sal e vinagre.  Cocer tres ovos. Fritir pan reseso cortado en dados. Cando arrefríen as fabas, mesturar todo nunha ensaladeira. Disque era comida moi común nos pazos. Así que, señores e señoras, bo proveito.

Cultura

Publica o teu comentario agora