FAHG colaborará con Farmamundi para ampliar a súa capacidade de resposta ante situacións de crise humanitaria

FAHG colaborará con Farmamundi para ampliar a súa capacidade de resposta ante situacións de crise humanitaria

21 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) colaborará coa ONGD Farmamundi para "mellorar" e "ampliar" a súa capacidade de resposta ante situacións de crise humanitaria e a súa dotación de stocks de material sanitario, hixiénico e de primeira necesidade para "atender as vítimas" destas circunstancias.

 

Durante a súa visita ás instalacións da ONGD en Valencia, o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia e presidente de FAHG, Xullo Fernández Mato, asinou un acordo xunto co presidente de Farmamundi, José Luís Daroqui, para "poñer en marcha accións comúns" que permitan paliar crises humanitarias "fora do ámbito territorial galego". Neste sentido, destacou que se trata "dun chanzo máis" no "desenvolvemento dunha verdadeira política pública de cooperación galega" e que aspira a ter carácter estable e vocación de continuidade". Precisamente, este acordo permitirá que a FAHG dispoña permanentemente de material de primeira necesidade --mantas, kits sanitarios ou hixiénicos-- que se financiará cunha inversión de 40.000 euros e "aberta a futuras ampliacións". A ONGD Farmamundi alberga un distribuidor internacional non lucrativo de produtos de axuda sanitaria, que prepara anualmente preto de 600 expedicións de axuda sanitaria a máis de 50 países en desenvolvemento do norte de África, América e Asia.

Sociedade