Faise camiño ao andar

Pontedeume acolle este sábado a III edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”
18 de Xuño, 2019 - 12:47 h. | Publicada por Radio Fene

A Deputación da Coruña volve a reunir por terceiro ano consecutivo aos 18 concellos polos que discorre o camiño inglés a Compostela. A feira contará con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos dalgúns dos concellos deste itinerario xacobeo.

 

Pontedeume acolle este sábado 22 de xuño a terceira edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”, que volverá a reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela. O presidente da Deputación Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, inauguran ás 12 os actos aos que asisten os alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que discorre este itinerario xacobeo.

Unha gran carpa no parque da Alameda de Raxoi acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene (na imaxe), Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda, as troitas de Oroso, o queique de Ordes ou a proia de Pontedeume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.

Durante a xornada levaranse a cabo tamén visitas guiadas polo Concello de Pontedeume e diversos obradoiros para nenos e nenas. A feira do sábado da continuidade a un evento que gozou de gran éxito nas dúas edicións anteriores, celebradas en Betanzos, e a súa consolidación como unha cita anual de promoción do Camiño Inglés, un itinerario xacobeo que ten as súas orixes na Idade Media e que o ano pasado foi a ruta que máis medrou, rexistrando un 25% máis de peregrinos.

Cultura

Publica o teu comentario agora