Falece o alcalde de Viveiro Melchor Roel

Falece o alcalde de Viveiro Melchor Roel

10 de Decembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O alcalde de Viveiro (Lugo), o socialista Melchor Roel, faleceu esta mañá por mor da grave enfermidade que padecía desde hai meses, segundo informou o PSdeG-PSOE. Roel, de 59 anos de idade, estivo vinculado ao movemento sindical, formando parte da dirección de Comisións Obreiras na Mariña. Accedeu á alcaldía en 2003.

O propio Roel informara á Corporación de Viveiro, no transcurso dun pleno ordinario que se celebrou en agosto do presente ano, que padecía un cancro de pulmón, polo que ía ser sometido a tratamento.

Roel, ademais de alcalde de Viveiro, foi deputado provincial entre os anos 2007 e 2011, na primeira etapa do bipartito que formaron socialistas e nacionalistas, e fíxose cargo nese período das competencias de persoal. Emigrado en Uruguai militou no Partido Comunista do pais sudamericano, sendo detido por cuestións política. Ingresou no cárcere de Punta Carreta en Montevideo e foi expulsado do pais pola ditadura. 

A Corporación de Viveiro conta na actualidade con 6 concelleiros do PSOE, 6 do PP, 3 do BNG e 2 dunha candidatura independente.

Sociedade