Fallados os Curuxa do humor

Fallados os Curuxa do humor
23 de Xullo, 2020 - 08:24 h. | Publicada por Radio Fene

Sebastiá Martí Benedí e Hugo Feal Permuy son os gañadores do XXIV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Robert John Holt Schmelzer e Luciano Ripio Molina acadaron os segundos premios, na categoría Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente.

O xurado do XXIV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Sebastiá Martí Benedí o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos) e a Hugo Feal Permuy o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos). Así mesmo, Robert John Holt Schmelzer e Luciano Ripio Molina alzáronse co segundo premio nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente.

Curuxas

O xurado estivo integrado, amais de polo alcalde de Fene Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Luís Davila, Sandra Lodi e Javier Jareño López-Cuervo (estes últimos, dous dos gañadores do certame en 2019). O gañador do 1º Premio Curuxa 2020, Sebastiá Martí Benedí presentou ao certame un debuxo titulado “Se nos quema”. O xurado valorou desta obra “a limpeza gráfica, a frescura, o trazo e o minimalismo da viñeta”. Tamén salientou “que conxuga temporalidade e atemporalidade no mesmo debuxo e que recolle unha idea global que abrangue todos os problemas aos que nos enfrontamos hoxe en día”. Por último, o xurado conclúe que é unha obra “moi divertida, que ten moita forza e que consigue chamar a atención do espectador con éxito” O 2º Premio Curuxa foi nesta edición para Robert John Holt Schmelzer por un debuxo presentado “Sen título”. O xurado valorou “a calidade gráfica, a limpeza no acabado e a súa idea, aparentemente sinxela, pero que ten múltiples lecturas e recolle problemas aos que nos enfrontamos hoxe en día”

Curuxa Nova

En relación aos gañadores do Premio Curuxa Nova, o xurado destacou do traballo de Hugo Feal Permuy, que acadou o 1o premio Curuxa Nova por un debuxo titulado “Respira”, “a calidade gráfica e o acabado do debuxo no que salienta especialmente un coidado traballo na composición e na narración da escena”. Tamén salientou “a capacidade de transmitir unha mensaxe crítica sobre a actualidade e a mensaxe que resulta impecable”. O 2º premio Curuxa Nova foi para Luciano Ripio Molina por un debuxo titulado “Ciclo”. Del, o xurado valorou “a calidade gráfica, a calidade na cor e nas sombras e a limpeza do debuxo, amais das súas múltiples lecturas e a capacidade de convidar á reflexión cunha mensaxe crítica sobre cómo os humáns repetimos os nosos erros unha e outra vez”.

Finalistas

Á marxe dos premiados, o xurado acordou nomear finalistas nesta edición, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Manuel Arriaga de León (categoría Curuxa) co título “Infringiendo las normas” e por Lucas Sixto Carballeira (categoría Curuxa Nova) co título “Vacacións Mundiais Z” . Os Premios Curuxa do Museo do Humor buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro. Os premios están dotados, no caso da Curuxa Gráfica, con 2.000 euros e diploma (primeiro premio) e 1.500 euros e diploma (segundo premio) e, no caso da Curuxa Nova, con 1.000 e 500 euros para o primeiro e segundo premio, respectivamente, xunto co diploma.

Exposición

O alcalde e presidente do xurado, Juventino Trigo, avanzou que no mes de novembro o Museo do Humor acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria. A mostra inaugurarase o 6 de novembro, coincidindo co acto de entrega dos galardóns, Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase a partir dese día unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso.

Cultura

Publica o teu comentario agora