A Federación Municipal de ANPAS acusa ao Goberno Galego de ocultar os problemas da educación co conflito lingüístico

A Federación Municipal de ANPAS acusa ao Goberno Galego de ocultar os problemas da educación co conflito lingüístico

08 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Federación Municipal de ANPAS de Colexios Públicos de Compostela amosou a súa preocupación pola decisión do Goberno Autonómico de reducir as materias impartidas en galego no sistema educativo de Galicia e acusa ao executivo de pretender “crear un conflito que oculte os verdadeiros problemas da educación”.

En opinión desta asociación, esta decisión “limita a adquisición real das competencias lingüísticas dos nenos e nenas”, o que pode “situar a un número significativo dos actuais estudantes en inferioridade de condicións no acceso a moitos postos de traballo nunha sociedade plurilingüe como a nosa”. Esta organización esgrime que a medida, que establece a liberdade dos pais e nais para elixir o idioma de escolarización dos seus fillos, podería traer unha diminución das “competencias e a formación aos nenos e nenas nunha etapa fundamental do desenvolvemento intelectual e lingüístico”.

 

A organización compostelana reclama ao executivo galego a posibilidade de que os proxenitores teñan a opción de decidir sobre outras cuestións que “realmente nos preocupan”, como son “o número de nenos e nenas por aula, a necesidade de aumentar a dotación de profesorado ou os servizos complementarios precisos”.

Redución de prazas de audición e linguaxe e pedagoxía

Esta asociación tamén rexeita a supresión de prazas de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, o que suporía “un claro deterioro da calidade do ensino público”, e que porían “en serio risco” a integración escolar dos nenos con necesidades educativas especiais.

Outras das reclamacións desta organización foron o aumento do profesorado nos colexios públicos, especialmente en educación infantil, e que a Administración asuma a xestión dos comedores escolares e as actividades extraescolares “como elemento complementario da oferta educativa garantindo a gratuidade para aquelas familias que o precisen por razóns de renda”.

Sociedade