A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo lanza unha campaña de promoción e difusión do mundo do mar

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo lanza unha campaña de promoción e difusión do mundo do mar

12 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Presentouse hoxe no Salón de Actos da Confraría de Pescadores de Celeiro (Viveiro) a nova campaña de promoción e difusión sobre a importancia do sector pesqueiro na Mariña de Lugo. Esta actividade está organizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo en colaboración coa Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Ao acto de inauguración asistirán o Delegado Territorial da Consellería do Mar, D.Vicente Prieto González, e o Xefe de Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, D.Lino Lema Bouzas, así como representantes das seis confrarías de pescadores da provincia de Lugo e outras entidades do sector pequero.
A campaña consiste nunha exposición itinerante que percorrerá quince concellos da provincia de Lugo entre os meses de abril e xuño, pasando polos concellos de Viveiro, Xove, San Ciprián, O Vicedo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Chantada, Monforte, Quiroga, Sarria e Vilalba, rematando na cidade de Lugo.
A exposición visitará concellos tanto de costa coma de interior, e vai dirixida ao público en xeral, con especial atención ás visitas concertadas de centros escolares de cada bisbarra. O seu obxectivo é o de difundir o traballo que se realiza nas seis confrarías de pescadores da Mariña de Lugo: coñecer as principais artes de pesca que se empregan, as especies máis características dos nosos portos, as tradicións, oficios e, por suposto, a nosa cultura mariñeira.
A mostra está composta dunha serie de paneis organizados en tres eixes: o traballo no mar, o papel das confrarías na sociedade e o mar e a cultura.
O primeiro bloque trata sobre o traballo no mar e está composto por paneis explicativos acerca dos oficios do mar, as artes de pesca máis utilizadas polos pescadores de Lugo e as principais especies que se pescan nos portos da Mariña.
O segundo bloque trata o papel das confrarías na sociedade e componse de paneis explicativos sobre as confrarías como motor sociocultural, a importancia das mulleres na evolución do sector pesqueiro e a influencia da pesca de baixura no tecido produtivo local.
Finalmente o terceiro bloque aborda o tema do mar e a cultura, expoñendo exemplos da influencia do mar na cultura local e enumerando tanto a variedade de festas mariñeiras como gastronómicas relacionadas co mar que se celebran na provincia de Lugo.

Sociedade