Feijóo anuncia unha Lei de Disciplina Presupostaria

Feijóo anuncia unha Lei de Disciplina Presupostaria

15 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Se o que se debate na máis importante sesión anual do Parlamento é en que situación se atopa a Autonomía, entón hai coincidencia entre Xunta e oposición: estamos peor do que estabamos. As diverxencias xorden á hora de repartir a cota de responsabilidade: “Estamos peor porque o Goberno central nos boicotea”, proclama o Executivo galego; “Estamos peor porque a Xunta non goberna e elude as súas competencias&rd

 “Disciplina orzamentaria”. Así se chama o concepto acuñado polo presidente Núñez Feijóo para referirse ao proxecto de lei que entregará nas vindeiras semanas e en virtude do que pensa establecer uns novos requisitos que “blinden a solvencia e a estabilidade das contas públicas”. Presentarase con rango de lei “para que teña permanencia”, explicou o titular da Xunta. “Vai máis aló da estabilidade orzamentaria”, asegurou, porque establecerá que nos ciclos de bonanza económica calquera ingreso extraordinario nas arcas públicas teña por destino a redución do déficit ou a amortización da débeda. “Trátase -resumiu Feijóo- de non vivir nin gastar por enriba das nosas posibilidades”. 

Segundo Feijóo, a nova disciplina permitirá avanzar en “austeridade, planificación e rigor”, todo o contrario do que estaría a facer o Goberno socialista no Estado, e ao que atribuíu a maioría das cuitas financeiras de Galicia. Tal e como se contaba, o presidente da Xunta acusou á Administración Zapatero de “incumprir” o acordo de financiamento autonómico. De seguido reclamou o apoio dos grupos para defender “non só coa forza  da razón, senón tamén coa forza da unión dos partidos galegos, os 805 millóns de euros” que, sostén, Moncloa lle debe á Comunidade. Con eses cartos, afirmou, abondaría para “pagar a política social de toda unha lexislatura”. No mesmo discurso, Núñez Feijóo pediu guerra e ofreceu paz. Tan pronto atacou ao Goberno central como lle prometeu “lealdade” institucional.
Feitas as peticións, o líder do Executivo autonómico pasou ao resumo dos seus logros e aos ofrecementos para a oposición.

Feijóo fixo unha decidida defensa do Estado das Autonomías como unha solución para garantir o equilibrio no seo do Estado, máis necesario aínda en tempos de crise económica, explicou. O “trato igualitario” serviría para axudar, por exemplo, a salvar a caixa de aforros galega, un propósito para o que reclamou o apoio decidido de todos os axentes sociais, incluída a oposición, e tamén a dos propios directivos de Novacaixagalicia. “Hai marxe”, manifestou o Presidente.

Verbo dos compromisos inmediatos da súa acción de Goberno, Núñez Feijóo asegurou que no presente ano “estarán en execución máis de 100 quilómetros de vías de alta capacidade” e unha nova Lei do Solo, sumarase a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral, normas todas elas para as que demandou o apoio dos grupos políticos. Desbotou que o seu Goberno teña feito recortes en material social e sostivo que en dous anos abriu “máis prazas de benestar que en toda a lexislatura anterior, triplicou o número de dependentes atendidos e impulsou tres novos hospitais públicos”. Ademais, prometeu por en marcha un seguro que garantirá uns tempos máximos de espera para a atención na rede do Sergas. Iso si, se o Goberno central lle transfire o diñeiro do Fondo de Cooperación que Feijóo contabiliza entre as débedas da Moncloa con Galicia.

Institucional