Fene acolle a primavera con deportividade

Fene acolle a primavera con deportividade

06 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Milla escolar, marchas de sendeirismo, marcha ciclista ou a exhibición das escolas deportivas municipais. Son os pratos que se sirven en Fene no menú das Actividades Deportivas de primavera, que xa están perfectamente datadas e ordenadas. Abrirase o calendario este domingo 12 de abril coa Milla Escolar que cumpre 22 anos e que se celebrará na Avda do Mar de San Valentín dende as 11 da mañá. A inscripción permanece aberta ata o mércores 8,

Seguiralle o sabado 18 de abril a VI Exhibición de Ximnasia Rítmica no pavillón A Xunqueira, o mesmo escenario que acollerá o 2 de maio o III Trofeo de kárate Concello de Fene. O domingo 3 de maio chega ás rúas de Fene a II Carreira Popular 10K e o domingo 10, a Marcha ciclista popular na que os pequenos percorrerán 7 Km e os adultos, 17.
Remata o mes de maio deportivamente en Fene coa exhibición das Escolas Deportivas Municipais o domingo 31. Escolas de xudo, Aerobic, zumba, baile moderno ou ximnasia artística entre máis de dez modalidades.  

Capítulo aparte merecen as duas Marchas de Sendeirismo programadas o domingos 19 de abril e o sabado 9 de maio. A primeira, unha camiñata que sairá de Malpica e concluirá 22 Km despois en Niñóns. A cota é de 10,45 euros. A segunda discurrirá entre a costa de Bueu e o cabo Udra, a unha distancia de 18 km.
Nos dous casos a dificultade é media e se sairá en autobús ás 8 da mañá, con chegada a Fene ás sete da tarde.

As actividades deportivas da Primavera prolónganse no mes de xuño co Mini BTT; os bautismos de mergullo e a clausura das escolas de natación, na piscina municipal de Centieiras.

Sociedade