Fene Mar Vivo II conta coa confraría

Juan José Franco entrevistouse esta mañá co responsable do pósito de Barallobre
10 de Decembro, 2019 - 01:24 h. | Publicada por Radio Fene

Nesta recta final de ano, Fene Mar Vivo II está a colaborar na difusión da iniciativa “Adianta o teu Nadal!” que impulsa a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, pola que se busca incentivar as compras e o consumo nos establecementos locais mediante sorteos de vales por valor conxunto de 2.000 euros. Así mesmo, e antes de que remate o ano, ao amparo do proxecto, o Concello distribuirá gratuitamente entre a veciñanza os calendarios de promoción para o ano 2020.

Tras a presentación pública do proxecto Fene Mar Vivo II, o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, trasladouse ao pósito local para manter unha xuntanza co presidente da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López Pena. Nela, tamén participou a empresa que xestiona o proxecto na anualidade do 2019, abordaron o programa, o contido da subvención e as posibilidades que se abren para o pósito co ánimo de recabar as súas propostas. Unha implicación que Franco considerou fundamental para o éxito do proxecto. Ao longo de 2020, contemplará actividades de dinamización, a creación dun catálogo de recursos, a impartición de accións formativas sobre tratamentos de produtos do mar e comercialización online, comunicación ou actividades de exaltación de produtos marítimos. Accións de formación e capacitación ligadas a diferentes profesións do mar coa finalidade de atender a oferta turística, elaboración dun plan de comunicación, escaparate web, edición de folletos, creación de paquetes turísticos para a promoción de equipamentos culturais do municipio, ademais de sesións con axentes sociais e accións de comercialización (fam trip e accións de promoción), incluídas actividades de exaltación de produtos da zona.

Iniciativas que inauguran a segunda edición dun proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e do GALP Golfo Ártabro Norte, así como o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (UE).

Obxectivos

Os principais obxectivos do proxecto son a creación de produtos turísticos competitivos e comercializables, nos que se inclúa a valoración e participación do sector pesqueiro; lograr a valoración e comercialización dos produtos do mar de Fene no marco das diferentes empresas de transformación e de turismo da zona; protexer e divulgar o patrimonio pesqueiro, arquitéctonico e cultural de Fene así como a multitude de actividades que se organizan ao longo do ano, co obxecto de darlle un valor engadido, e conxugar un servizo público vencellado ao turismo, para poñer en valor e seguir dando a coñecer a actividade pesqueira e a cultura mariñeira do Concello de Fene, creando un microdestino fundamentado principamente nun posicionamento diferencial. Obxectivos estes que se traducirán nun aumento do número de visitantes ao Concello de Fene, un incremento das ventas do comercio local, dos produtos derivados da pesca tales como as conservas, a artesanía e tamén os de transformación, ou unha maior demanda de servizos de hostalería e restauración e dinamización da economía local coa promoción da vida mariñeira da vila. Así, o Concello aspira a que a marca "Fene Vivo" se convirta nun símbolo de identidade que fomente o crecemento económico a través da colaboración entre toda a rede creada, para que haxa unha inclusión e mobilidade laboral entre sectores.

Institucional

Publica o teu comentario agora