Fene pecha 2020 con poucas facturas pendentes

Fene pecha 2020 con poucas facturas pendentes
11 de Xaneiro, 2021 - 02:22 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Facenda de Fene contabilizou a 31 de decembro de 2020 un total de 116 facturas pendentes de aprobar por un montante total de 136.738,05€. A cifra é moi inferior ás contabilizadas a finais de 2019, cando ese importe se situaba en 1.187.567,42€. Desde a área económica destácase que durante o ano que acaba de finalizar se saldaron as débedas pendentes do exercicio anterior e que, ademais, se dotou o orzamento de ferramentas que agora permiten xestionalo de forma máis áxil, de cara a incrementar o rigor no control do gasto e acurtar os prazos de pagamento.

 

Un Orzamento municipal funciona, para entendérmonos, calculando os ingresos cos que vai contar a Administración local ao longo do ano -subvencións, ingresos propios por taxas e impostos, participación en ingresos do Estado, programas autonómicos e provinciais, etc.- e deseñando unhas partidas de gasto que se axusten a eles. De feito, cando se aproba un Orzamento, o importe é exactamente o mesmo tanto en previsión de ingresos como de gastos.  Cada céntimo debe estar encadrado nunha partida determinada e cunha asignación de recursos suficiente para atender o funcionamento de todos os servizos, xa sexan os prestados polo Concello con medios propios ou a través de empresas provedoras de subministracións, servizos ou obras. Porén, o Orzamento é iso, unha previsión que debería cumprirse pero que non sempre se cumpre por distintas razóns. Pode haber necesidades extraordinarias ou gastos cos que non se contaba e que haxa que facer -como ocorreu ao longo de 2020- pero, en todo caso, a normativa pola que se rexen as facendas públicas esixe que todo conte con partida económica no orzamento e que cada euro que se deba investir vaia precedido da correspondente retención de crédito, que vén sendo un documento de fiscalización interna onde se indica o importe total do gasto, a xustificación de por que fai falla facelo e o apartado orzamentario de onde se tirará para poder pagalo cos fondos que teña consignados.

Esa é a teoría, que non sempre se reflicte na práctica, tal e como descubriu o tripartito de Fene ao pouco de chegar ao Goberno. "En marzo, pouco despois de entrar, atopamos que o anterior goberno deixara case 1,2 millóns de euros en facturas pendentes de pagar. Nuns casos tratábase de facturas por traballos que non seguiran os cauces de fiscalización previa para saber se existían fondos nas partidas e noutros eran encargas que directamente non dispuñan de reserva de crédito no orzamento", explica o edil de Facenda, Manuel Polo. Nesta situación, o novo Executivo local tivo que efectuar un recoñecemento dos gastos e acometer dúas grandes modificacións orzamentarias para trasvasar fondos de partidas con recursos económicos dispoñibles a outras que xa estaban esgotadas e poder así satisfacer importes "que levaban meses de retraso por non terse previsto como manda a normativa de fiscalización", apunta Polo. "O Concello tiña fondos suficientes para asumir as facturas, o que fallou foi a maneira de facer as cousas por parte do anterior goberno, que foi absolutamente irresponsable e temerario no referido á xestión orzamentaria e ao control fiscal do gasto".

Un orzamento máis "áxil e flexible"

Ademais de recoñecer facturas pendentes, o actual Goberno local de Fene tamén promoveu unha modificación das Bases de execución do Orzamento -a normativa que rexe o seu funcionamento-, "para dotalo de maior flexibilidade á hora de vincular partidas e facilitar así as operacións de gasto e pagamento en prazos moito máis razoables", explica o responsable municipal de Facenda. Polo fala dun orzamento "máis áxil" ao que se lle suma, segundo asegura, "un maior rigor no control do gasto". Tal e como se apunta desde a Concellaría de Facenda, o 2020 pechou con tan só 116 facturas pendentes de aprobar en Xunta de Goberno Local "a maior parte delas por gastos de servizos e subministracións facturados a fin de decembro", por un importe de 136.738,05€. Case a metade desta cantidade correspóndese coa nota presentada pola empresa xestora do SAF -63.708,01- referida aos servizos prestados en decembro, mentres que o resto son facturas "por importes inferiores a 2.000 euros" por servizos e subministros habituais do Concello, como son, por exemplo, combustibles e electricidade. Tanto estas como outras facturas "presentadas por empresas e pequenos autónomos", aprobaranse en Xunta de Goberno Local "nestes días" e pagaranse nun prazo que, segundo Polo, "está sendo nestes momentos inferior a un mes".

Institucional

Publica o teu comentario agora