Fene vai de entroido

Fene vai de entroido tamén no 2020
11 de Febreiro, 2020 - 11:12 h. | Publicada por Radio Fene

O Entroido artellado pola Concellería de Cultura de fene comezará o luns 24 de febreiro cun obradoiro de cociña entroideira e rematará o mércores de cinza co desfile e actuación das comparsas.

Até o vindeiro 19 de febreiro o Concello de Fene mantén aberto o prazo de inscrición para as agrupacións que queiran participar no desfile e festival de comparsas que terá lugar o Mércores de Cinza, festivo local no Concello de Fene. Como é tradicional, o programa deste día grande do Entroido fenés completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá.

Tres dias de actividades.

O ciclo "Fene vai de entroido" comezará xa o luns 24 de febreiro cun obradoiro de cociña entroideira dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos (acompañados dunha persoa adulta). Nel, os/as participantes elaborarán en parellas doces típicos do Entroido coma rosquillas, orellas ou torradas. O taller "Cociñamos en familia!" terá lugar no Local Social do CCRD de Perlío en horario de 17 a 19 horas. A actividade é de balde pero o número de prazas é limitado (12 nenos/as + 12 adultos).

Para a xornada do martes 25 de febreiro o Concello de Fene programa un "Obradoiro de disfraces e xincana" no que un grupos de nenos/as de 6 a 12 anos (máximo 20 prazas) realizarán máscaras e complementos para personalizar o seu disfraz. Ademais, participarán na xincana "Na procura do Entroido" na que terán que superar unha serie de probas de destreza e inxenio. Todo iso entre as 11.30 e as 13.30 horas no local social do CCRD de Perlío. Para incribirse en calquera dos obradoiros do ciclo "Fene vai de entroido" cómpre achegarse polo Departamento de Cultura do Concello de Fene do 12 ao 19 de febreiro en horario de 8.30 a 14.00 horas ou o mércores 12 de febreiro tamén en horario de tarde, de 16.00 a 18.00 horas. A programación do 25 de febreiro, martes de Entroido, completarase cunha festa infantil (baixo carpa) a partir das 17.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González. Tamén se anuncia para ese día o tradicional reparto de lambetadas de Entroido para a que colaboran este ano os establecementos: Repostería Sara, Bollería Delipán, Panadería A Broa, Panadería Amaría, Panadería El Cruce, Panadería Ramón, Repostería Martínez e Supermercados Gadis.

Cultura

Publica o teu comentario agora