Ferido pola tronada en Ordes

Ferido pola tronada en Ordes

24 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Un traballador resultou ferido hoxe tras sufrir unha descarga eléctrica por mor da treboada mentres traballaba nun poste de subministración eléctrica na localidade coruñesa de Ordes. Segundo informou a central de emerxencias 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 18.21 horas desta tarde no lugar de Parada, onde o home traballaba nun poste da luz. Por mor da tormenta que se rexistrou a esas horas na zona, o traballador recibiu unha descarga eléctrica.

Ao lugar do suceso desprazouse unha dotación da Garda Civil de Tráfico, así como o Grumir da localidade e unha ambulancia do 061, que trasladou ao ferido ao hospital con queimaduras nas mans e os brazos.

A Fonsagrada

Por outra banda, un home resultou ferido grave esta tarde no lugar de Ferreiros, na Fonsagrada (Lugo), tras saltar por encima dun muro e precipitarse por un desnivel. Segundo explicou o 112, o accidente, de carácter fortuíto, ocorreu cando o home estaba a traballar nunha leira da súa propiedade.

Ao lugar do suceso desprazáronse efectivos de Protección Civil e a Garda Civil, así como o helicóptero do 112 con base en Ourense, que trasladou ao home, en estado grave, ao Hospital Xeral de Lugo.

Finalmente, o 112 informou dun accidente ocorrido en Vigo, cando un menor se precipitou desde unha altura duns seis metros a un patio interior dun edificio da rúa Martínez Garrido, na capital olívica.

O suceso ocorreu sobre as 15.47 horas e ao lugar se desprazou unha patrulla da Policía Nacional e unha ambulancia do 061, que trasladou ao mozo, que "sangraba abundantemente", ao hospital.

Sociedade