Ferrol amosa por dentro as súas xoias arquitectónicas

Ferrol amosa por dentro as súas xoias arquitectónicas

11 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Pazo Municipal de Ferrol acolleu onte a visita de 10 persoas, dúas delas orixinais de San Fernando, dentro do programa de percorridos guiados polos grandes espazos culturais da cidade “Pensando en VOS”. Deste xeito, a Casa Consistorial súmase ao Teatro Jofre e ao Centro Torrente Ballester na oferta de visitas guiadas, posta en marcha de maneira gratuíta para os interesados pola Concellería de Cultura co apoio da Deputación Provincial da Coruña. Un

No caso das visitas á Casa Consistorial, terán lugar o segundo mércores de cada mes, a partir das 18.00 horas.
O punto de partida da visita de onte foi a Praza de Armas, onde os participantes puideron coñecer a historia da construción do Concello de Ferrol, datada de 1953, así como datos de interese sobre as orixes da devandita praza e sobre a Magdalena, barrio en que se empraza o principal edificio administrativo da institución municipal. Unha vez dentro do Pazo Municipal, os visitantes iniciaron o seu percorrido nas escalinatas de acceso ao primeiro andar, para seguir polo Salón de Recepcións, o balcón, a sala de visitas e o interior do despacho do alcalde Jose Manuel Rey Varela.

A visita continuou polo corredor que descorre cara o Salón de Plenos “corredor dos reis” onde os participantes puideron contemplar diferentes retratos como o de Alfonso XIII ou o Marqués de Amboaxe, entre outros. Por último, o percorrido con guía ao Pazo Municipal finalizou no Salón de Plenos.

En datas próximas, as persoas que visiten a Casa Consistorial tamén coñecerán as salas Máximo Ramos, González Collado e Jorge Juan. Nas dúas primeiras haberá creacións destes dous artistas; e na Sala Jorge Juan poderán ver a restauración a gran tamaño dun mapa de Ferrol da época da Ilustración coa cidade amurallada.

Este programa permite dar a coñecer o patrimonio cultural á cidadanía a través da apertura de grandes espazos ferroláns como o Teatro Jofre ou o Centro Cultural Torrente Ballester. As visitas guiadas son de carácter gratuíto e contan co apoio do Plan de Competitividade Turística da Deputación Provincial da Coruña.

As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas ao Concello, o Jofre e o CTB, poderán formalizar a súa inscrición chamando ao número de teléfono 981 944 180 ou a través do correo electrónico: cultura@ferrol.es, facilitando o nome, apelidos e número de teléfono.

Sociedade