Ferrol aposta pola integración das distintas culturas

Ferrol aposta pola integración das distintas culturas

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Mañá conmemórase o Día Mundial da Diversidade Cultural e o vindeiro luns, 25 de maio, o Día de África, dúas celebracións que este ano terán o seu reflexo en Ferrol, no denominado “Encontro da Diversidade Mundo Mestura”. A iniciativa está impulsada pola concellería de Solidariedade e Benestar Social.

O Cantón de Molíns acolle esta fin de semana a segunda edición do Encontro da Diversidade Mundo Mestura, unha actividade coa que se pretende favorecer a interculturalidade a través do coñecemento. Segundo explicou a Radiofusión a edil Beatriz Sestayo, con esta iniciativa “o Concello de Ferrol tenta sensibilizar á poboación sobre a necesidade de integración das distintas culturas”.  

Os actos comezarán o sábado ao mediodía coa apertura dunha feira do comercio xusto na que exporán os seus productos a cooperativa de consumo responsable A Xoaniña, artesáns da bisbarra e as ONGs Solidariedade Internacional e Axuda en Acción. Pero ademais, ao longo da fin de semana, neste mesmo escenario sucederanse todo tipo de actividades complementarias e solidarias.  

Para comezar, o sábado, entre as 12 e as 14 horas presentarase o espectáculo Canción Rock Búlgara”, do alumnado do IES Saturnino Montojo. Tamén haberá unha sesión de títeres a cargo de Arte Fusión e de novo música interpretada por Canta Compaña. Tras o parón para o xantar, Mundo Mestura retomará a súa actividade ás cinco do serán coa actuación teatral de Pista Catro que dara paso ao festival Danzas do Mundo no que tomarán parte Ecodesarrollo GAIA, con música afro; Alejando e Umbe, con tango arxentino, e Danesga, con danza moderna. Pechará a cita solidaria do sábado Charros de Jalisco cun concerto de mariachis que principiará ás 21.30 horas.

En canto ao programa do domingo, salientar pola mañá unha actuación musical e de danza propia do folclore boliviano e a presentación do espectáculo de Magnifique Bande. Pola tarde haberá de novo teatro e manualidades con Pista Catro, obradoiros de iniciación á música con Trópico de Grelos e un espectáculo musical posterior a cargo desta mesma formación.  A concellería de Solidariedade e Benestar Social de Ferrol organiza este Encontro da Diversidade Mundo Mestura en colaboración con diversas asociacións de inmigrantes da comarca.

Sociedade