Ferrol formará a 60 desempregados para Caneliñas

Ferrol formará a 60 desempregados para Caneliñas

19 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol iniciará o vindeiro mes de decembro os cursos de formación ocupacional para desempregados orientados a cubrir a demanda laboral das instalacións e empresas asentadas no porto exterior de Caneliñas. O proxecto “Caneliñas oportunidade de emprego” foi presentado hoxe polo edil de emprego do concello de Ferrol, Ramón Veloso.

Este plan integrado de emprego nace como resultado das conclusións obtidas nun estudio previo feito polo concello para coñecer as necesidades e carencias das empresas que operan no porto exterior. O estudio reflicte que as carencias actuais agrúpanse básicamente en 10 categorías laborais correspondentes a loxística e mantemento de instalacións. Ramón Veloso sinalou que a maior demanda de man de obra céntrase nas categorias de operarios de máquinaria de transporte e conductores de camión. En base a estes resultados o concello de Ferrol porá en marcha este segundo proxecto de inserción laboral respaldado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. O plan de emprego conta cun orzamento de 120.000 euros dos que o concello aporta 18.000.

Un total de 60 desempregados, seleccionados a través do servicio público de emprego, poderán participar nas accións formativas que se desenrolarán en dúas líneas básicas. Por unha banda cursos teóricos que se impartirán no Centro de Emprego de Ferrol, e pola outra formación práctica en empresas. O edil de emprego suliñou tamén que o compromiso do concello está en acadar a inserción laboral de alomenos o 50% dos participantes e garantir ó mesmo tempo unha ocupación posterior non inferior ós 6 meses para empregados por conta allea e 1 ano para o autoemprego. Pola súa banda a responsable do Centro de Emprego de Ferrol sinalou que as accións formativas están dirixidas prioritariamente a dous perfís concretos: desempregados menores de 30 anos e maiores de 45. En concreto impartiránse cursos de conductor de camión, conductor de mercancías perigosas e carretilleiro. Os cursos terán unha duración estimada de 6 ou 7 meses. O Concello de Ferrol iniciará os días 1, 2 e 3 de decembro as entrevistas de selección co fin de poder iniciar o primeiro dos cursos dentro dese mesmo mes.

Sociedade