Ferrol impulsa unha iniciativa para compartir o coche

Ferrol impulsa unha iniciativa para compartir o coche

25 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Compartes coche?. Esa é a iniciativa posta en marcha polo Concello de Ferrol. Queren fomentar o uso compartido do vehículo privado entre a cidadanía. A través da páxina web ferrol.es os ferroláns poden ofertar e solicitar percorridos en turismo e porse posteriormente en contacto a través do correo electrónico coas persoas que os ofrecen.

A oferta Compartes coche xa inclúe dez traxectos: cinco deles desde Ferrol con destino a Cambre, A Coruña (en 3 casos) e As Pontes; dous deles teñen a saída desde A Coruña con destino á cidade naval; outros dous saen a diario de Narón, tamén destino á cidade herculina; e, finalmente, un inicia o percorrido en Mugardos dirixíndose a Ferrol. En todos os casos, os motivos dos desprazamentos son por traballo. En  todas as ofertas que están colgadas na web municipal, especifícanse as horas de saída e regreso, frecuencia das viaxes, a data da oferta e a dirección final da viaxe.

O Concello de Ferrol anima á cidadanía a recurrir a este servizo Compartes coche. A edil de Servizos María López lembrou que para solicitalo é preciso cubrir un formulario co nome, apelidos, NIF, cidade, ano de nacemento, teléfono, e-mail e unha contrasinal. A partir do rexistro, o usuario poderá ofrecer as súas viaxes, que aparecerán na listaxe xeral de ofertas. Na listaxe pública tan só aparecerá o nome e os datos do traxecto. Así mesmo, no caso de que o usuario desexe apuntarse a algunha das viaxes que aparecen en pantalla, terá que “clikala”. Aparecerá entón a información completa e un formulario onde deixar o nome, apelidos, teléfono de contacto, e-mail e un texto de solicitude do traxecto. Esta petición chegará por correo electrónico ao ofertante, que deberá decidir se a acepta ou rexeita. Nesta liña, María López animou a todos os cidadáns que, sobre todo por motivos de traballo e estudos, se vén obrigados a desprazarse a diario no seu vehículo particular a que se sumen a este proxecto, que funciona con normalidade noutras cidades. E neste senso, destacou as múltiples vantaxes que o coche compartido supón para os condutores e pasaxeiros. Como exemplo, subliñou que se reducen os gastos do uso do vehículo, tanto no referente á inversión e amortización como ao uso, combustible, mantenemento, reparación e os asociados ao aparcamento, xa que se comparten. E cando non se conduce se pode aproveitar o tempo de viaxe para realizar algunha actividade ou simplemente compartilo co resto de ocupantes. Pero moito máis ventaxoso resulta para o medio ambiente, xa que se logran rebaixar as emisións de CO2 á atmósfera de forma notable. A concelleira explicou que un tercio das viaxes realizadas nas cidades se levan a cabo en vehículo privado, cos conseguintes gastos de combustible e emisións de CO2 á atmósfera. A estes hai que engadir outros “custes” como son os estrictamente económicos e os derivados da ocupación de espacio, ruido, da accidentabilidade... Coa web se pretende deste xeito paliar en gran medida esta práctica habitual. Compartes coche, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ferrol.

Sociedade