Ferrol pon en valor a Rodolfo Ucha

Ferrol pon en valor a Rodolfo Ucha
11 de Xaneiro, 2021 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

Ferrol fará xustiza ao seu arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, poñendo en valor a súa figura e a súa obra tan numerosa e tan representativa do que é a cidade. A concelleira de Patrimonio, Eva Martínez, explícanos os proxectos que ten pensado levar a cabo.

ESCOITA O PODCAST:

Seguro que hai moitos personaxes e acontecementos que unha cidade como Ferrol ten en carteira para rescatar do olvido. Pero, se alguén deixou unha pegada ben sólida tanto cuantitativa como cualitativa, ese foi o arquitecto Rodolfo Ucha. Na concellería ferrolá de Patrimonio Histórico están traballando no recate e divulgación da súa figura. A concelleira responsable desta área Eva Martínez Montero afirmaba que calquera desculpa é boa para facelo, como o 40 cabodano (27 de xaneiro de 2021) e o 140 aniversario de Ucha que se cumpren en setembro do 2022.

“A cidade ten unha débeda con el por iso imos poñer en valor a súa figura e divulgar a súa obra” . O 99% da arquitectura modernista da cidade é del, tanto de obra pública como privada porque hai que lembrar que foi arquitecto municipal. Fai fincapé, Eva Martínez, en que Rodolfo Ucha foi un innovador, coñecedor e atento ás correntes artísticas que circulaban por Europa, pero tamén tivo a cualidade de saber integrar os novos estilos arquitectónicos a unha cidade que empezara a construírse no século XVIII.

Guías, rutas turísticas e ruta europea do Modernismo.

O concello de Ferrol vai levar a cabo diferentes actuacións para a posta en valor da obra de Rodolfo Ucha. Lembra Martínez que a última guía turística da cidade, xa esgotada, é dos tempos do alcalde Irisarri. Por iso a primeira iniciativa, na que traballa xa a historiadora Pilar Freire, é a edición dunha guía da obra de Ucha, así como a planificación de dúas rutas turísticas que contemplen o Modernismo e o Eclecticismo en colaboración coa empresa turística que fai rutas na cidade. Ferrol forma parte da Ruta europea do Modernismo pero de forma testemuñal, recoñece a edil ferrolá, porque nunca se fixo nada. Quérese entrar agora en contacto con outras cidades a nivel nacional e europeo para emprender novas iniciativas. Outra iniciativa a nivel municipal é homoxeneizar as placas indicativas que existen no barrio da Magdalena para así unificar a “marca”.Quérese traballar tamén na elaboración de unidades didácticas para os centros escolares nos niveis de primaria e secundaria. E queda por último a ambiciosa creación dun Aula permanente adicado ao arquitecto ferrolán. “Os ferroláns temos que mirar mais para arriba” solta a concelleira Eva Martínez, convencida de reunir todo o material posible de Rodolfo Ucha e expoñelo para coñecemento de gozo da cidadanía e dos visitantes. Recoñece que conta para iso coa colaboración entregada da familia. Mesmo se baralla a posibilidade de crear ese espazo nalgún edificio modernista da autoría de Ucha.

Martínez agarda que en dous meses estea rematado o estudo que leva a cabo Pilar Freire e a partir daí arrancar coas iniciativas, consciente de que o sector turístico está moi afectado pola pandemia de momento. Un exemplo é o retraso de FITUR, cita á que sempre acude Ferrol, para o mes de xuño.

(Na imaxe, a Casa Romero, ubicada na rúa da Igrexa, construída por Ucha en 1910)

Cultura

Publica o teu comentario agora