Ferrolterra, punto de encontro da cultura atlántica galego-portuguesa

Ferrolterra, punto de encontro da cultura atlántica galego-portuguesa

08 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Pazo da Merced” titúlase o primeiro proxecto discográfico de Abril Fado Atlántico, o grupo formado por Daniel Adzemian, José Calabuig, Dani Pérez e Noelia Santos.

Abril Fado Atlántico presenta o vindeiro venres o seu primeiro cd nun concerto na Escola de Idiomas de Ferrol (20 h.) e tamén ese mesmo día no mesón O son de Cociña de Fene (23.45 h.).

En “Pazo da Merced”, a formación fenesa recolle unha selección de fados e tangos, a maioría versións de temas clásicos pero tamén algún tema propio de Daniel Adzemian. En total son 10 cancións, todas elas interpretadas por Noelia Santos, agás o clásico “Coimbra” que cantou para a ocasión a ferrolana María Manuela.

O guitarrista e “alma mater” do grupo, Daniel Adzemian, explicou esta mañá en Radiofusión que os temas que se incluiron no disco teñen en común a súa procedencia da cultura atlántica galego-portuguesa, ademais do emprego do idioma portugués.

Gravado no Pazo da Merced de Neda, este primeiro traballo discográfico de Abril Fado Atlántico xa está na rúa. Despois da presentación do venres, o grupo anuncia concertos no restaurante “A cozinha portuguesa” de Narón , o vindeiro sábado, e posteriormente no Jazz Vides da Coruña (o 20 de xuño), no Fnac de Santa Catarina e no centro comercial Maus Habitos de Porto (o 5 de xullo), e no Fnac da Coruña o 17 do mesmo mes.

Sociedade