A festa dos libros

A festa dos libros

29 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A festa dos libros. Cada dia que se abre unha librería ou unha biblioteca é un dia de festa. En Ordes a biblioteca municipal estreou esta mañá novas instalacións, coa mesma felicidade coa que un neno estrea zapatos.

O Concello de Ordes abriu hoxe ao público as novas instalacións da Biblioteca Municipal que están ubicadas nos baixos da Alameda. Unhas instalacións que duplican a capacidade das anteriores e que contan con mobiliario novo e aspecto renovado.

A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes conta agora cunhas instalacións pensadas para todos os públicos, diferenciando os espazos para os adultos e para os máis pequenos. Así, conta cunha zona de xogos e audiovisuais para os máis pequenos da casa, outra zona de lectura tamén para os nenos e nenas ordenses, e por último a zona de biblioteca propiamente dita para adultos, que conta ademais con diferentes postos de ordenador para os usuarios.

Dende hoxe mesmo todos os socios e veciños e veciñas do municipio poden utilizar estas novas instalacións. O horario de apertura da Biblioteca Municipal de Ordes é de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 20 horas; e os sábados de 10 a 14 horas.

Tal e como explicou o alcalde de Ordes, Manuel Regos, “os ordenses poden disfrutar xa dunha biblioteca renovada, pensada para todas as idades e que está ubicada nos baixos da Alameda. Uns baixos que, próximamente, albergarán o Museo Xosé Xoxardo, unha sala de conferencias, locais de ensaio para os grupos do municipio e demais oficinas, converténdose así nun referente en canto a instalacións culturais en pleno centro do municipio”.

Cultura