Festa e arte para revitalizar o barrio de Canido

Festa e arte para revitalizar o barrio de Canido

23 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Queren gardar o segredo ate o último momento. Por iso pouco desvelan sobre o programa das festas patronais de Canido, que se celebrarán a comezos do mes de maio, os membros da comisión organizadora que este ano forman o pintor Eduardo Hermida, o gaiteiro Antón Varela e o taberneiro Antonio Otero. Os tres, veciños do barrio e grandes amantes da festa e da cultura.

“Serán unhas festas tradicionais, conservando os elementos característicos do barrio e nas que se fomentará, sobre todo, a participación veciñal”, asegura Eduardo Hermida. O pintor ferrolán é un dos membros da comisión que pretende recuperar os festexos patronais en Canido, que deixaron de celebrarse aló polo ano 2003.

Aínda que quere que o programa non se coñeza ate última hora, por iso de manter a expectación, Hermida afirma que serán unhas festas orixinais e divertidas nas que haberá incluso algunha sorpresa para algún veciño ilustre do barrio.

Eduardo Hermida participou esta fin de semana nas Xornadas pola Okupación que se celebraron na Casa das Atochas, en Monte Alto (A Coruña). Neste foro, o pintor ferrolán expuxo algunhas das iniciativas populares que se están a desenvolver en Canido –mediante intervencións en casas e solares abandonados- coa idea de revitalizar o barrio.

O primeiro paso consistiu na decoración de 35 fachadas e muros de vivendas abandonadas con distintas versións pictóricas das famosas Meninas de Velázquez. Pero xa hai en marcha outros proxectos como a creación dun xardín nun solar abandonado ou a proposta de instalar noutro unha pantalla na que se proxecten imaxes de fotografías ou cadros de distintos artistas.

Sociedade