Flores do San Xoán

Flores do San Xoán
23 de Xuño, 2020 - 10:15 h. | Publicada por Radio Fene

Os fogos desta noite e o concurso de adornos florais en rueiros, fachadas e portais mañá, resumen a celebración do San Xoán na parroquia de Esmelle onde houbo que suspender a fogueira comunitaria.

ESCOITA O PODCAST:

Os de Esmelle - Ferrol- non perden o espírito festeiro e celebrarán o seu patrón, o San Xoán, a pesar da prohibición das fogueiras en terreo público. Non haberá fogueira nin verbena esta noite pero no seu lugar, á noite subirán ao ceo as luces de cores dos fogos artificiais. Volverase celebrar a noite de San Xoán como antano, con fogueiras familiares, sardiñas e churrasco. E mañá, o propio día do patrón, soarán as gaitas polos rueiros mentres un xurado valorará os adornos florais nas entradas das casas dos veciños e veciñas que participan no tradicional concurso de rueiros, fachadas e portais. Todos os participantes reciben un detalle floral para as súas fincas e os gañadores unha peza de cerámica firmada por Pérez Porto. Este ano está convidado a formar parte do xurado, o técnico do concello de Ferrol, Felipe Cotovad.

O museo que a parroquia adicará á obra do ceramista Pérez Porto estará rehabilitada a finais do verán. Segundo palabras de Rafael Beceiro, membro da directiva veciñal de Esmelle, o interior do inmoble está pendente da instalación eléctrica e quedan remates no exterior. As previsións son inaugurar o museo entre os meses de setembro e outubro. Despois do San Xoán, Esmelle ten outras citas no verán que pretenden adaptar á nova situación e ás restricións sanitarias. Na última semana de xullo celebran a Semana Cultural na que promoverán actos ao ar libre e controlarán o aforo nos mesmos. Na Romaría Castrexa, afirma Beceiro “a ver como facemos, porque non pode haber 400 persoas xuntas”.

Cultura

Publica o teu comentario agora