Foi duro pero xa estou na casa

Foi duro pero xa estou na casa
12 de Xullo, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Retornada de Irlanda onde pasou a alarma sanitaria da Covid19, Regina Touceda presentará "Deriva" o poemario gañador do Premio de Poesía Xosémaria Pérez Parallé o sábado 18 de xullo no CMI Unidade de Fene.

ESCOITA O PODCAST:
Regina Touceda, premio Pérez Parallé de poesía

Regina Touceda quedou atrapada en Irlanda a causa da crise sanitaria do coronavirus. Estudante de Erasmus neste país, a gañadora do Premio de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, retornou a Galicia finalmente o 23 de maio nun vó de repatriación. “Decidín quedar en Irlanda de acordo coa miña familia por medo ao contaxio” asegura esta moza que aproveitou o confinamento para preparar os exames finais. “Aló o confinamento foi máis relaxado que aquí. Había menos casos, pero apenas saía da casa e fixen as probas telematicamente”.

Regina Touceda resultou gañadora do último premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé que cada ano convoca o CMI Unidade de Fene. No pasado mes de novembro recollía o premio de mans da presidenta da entidade, Paula Romero, e agora toca ter nas mans o libro que inclúe o seu poemario “Deriva”, editado por Espiral Maior e que é parte dese premio. A alarma sanitaria impediu ao CMI facer o seu acto de presentación do libro ganador coincidindo coas Letras Galegas. Agora está fixado ese acto para o sábado 18 de xullo se non se presenta ningún problema. Ela xa ten algunha copia nas súas mans e lémbranos que “Deriva é unha especie de viaxe interior, circular, no que a autora aborda o que supón medrar a través de diferentes etapas da vida”.

De momento ten aparcada a creación literaria e vaise adicar a sacar o libro adiante. “Creo que non sei escribir narrativa. Quizás nalgún momento” afirma a poeta á que emprazamos en Fene o próximo 18 de xullo.

 

(Na imaxe, Regina Touceda, recibindo o premio no CMI)

Cultura

Publica o teu comentario agora