Folga en Correos o 27 de novembro

Folga en Correos o 27 de novembro

06 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

CCOO convoca folga en Correos para o 27 de novembro. Convoca a folga en todo o Estado no operador postal Correos. Antes, haberá actos reivindicativos en varias localidades. No caso de Galicia, CCOO convoca concentracións o día 12 en Ourense, o 13 en Pontevedra e Vigo, o 18 en Lugo e o 20 na Coruña.

Con esta convocatoria, CCOO denuncia a flexibilización, a desregulación e os recortes de Correos: 8.000 postos de traballo destruídos en tres anos, recorte salarial entre o 17 e o 24%, redución na contratación, e taxa de reposición cero. Isto, xunto á ameaza de novos recortes e coas negociacións do convenio bloqueadas desde hai case un ano, son as principais razóns polas que o sindicato chama á folga.

CCOO denuncia que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), coa escusa da crise e da caída da actividade, fixo unha política de axustes sen precedentes na historia da empresa, deixando en precario os cadros de persoal, os centros de reparto, de clasificación e de atención ao cliente, provocando a deterioración do servizo. Todo isto provoca atrasos e acumulación de milleiros de envíos, polo que están risco a prestación dun servizo público esencial.

Concentracións

— Ourense: mércores, día 12 de novembro, de 13 h a 13:30 h, diante da Subdelegación do Goberno (parque de San Lázaro).

— Vigo: xoves, día 13 de novembro, de 9 h a 9:20 h, no pavillón postal de Correos (rúa da Paz)

— Pontevedra: xoves, día 13 de novembro, no pavillón postal de Correos (avenida de Lugo, n.º 86) e posteriormente de 13 h a 13:30, diante da Subdelegación do Goberno (praza de España).

— Lugo: martes, día 18 de novembro, de 12:30 h a 13 h, diante da Subdelegación do Goberno (praza de Armanyà). Tntes desta concentración aínda haberá outra, en horario por confirmar, diante de Correos (rúa Juan Monte)

— A Coruña: xoves, día 20 de novembro, de 13 h a 13:30, diante de Correos (rúa Alcalde Manuel Casas, s/n) e posteriormente de 13:40 a 14:30, diante da Delegación do Goberno (praza de Ourense, n.º 11)

Sociedade