Fomentando a compostaxe

Fomentando a compostaxe
13 de Xaneiro, 2021 - 11:44 h. | Publicada por Radio Fene

Últimos días para sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro en Neda. As persoas interesadas poden inscribirse na casa consistorial ou chamando ao teléfono 981 38 00 39.

Os veciños e veciñas interesados en sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro poden formalizar a súa inscrición na casa consistorial ou no teléfono 981 38 00 39. O Concello de Neda lembra que o prazo para anotarse conclúe este venres 15 de xaneiro. A través da iniciativa, a veciñanza recibirá os medios materiais necesarios de forma completamente gratuíta, así como asesoramento durante todo o proceso. Tal e como explicou a Administración local, o obxectivo do programa é lograr reducir nun 5% os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde, cunha reducción de 0,20 toneladas anuais de CO2. O programa municipal de compostaxe caseira conta cun investimento de 18.140,96 euros, dos que o 70% dos fondos son aportados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención FEDER 2014-2020.

Está pensado para a participación inicial de 125 veciños e veciñas, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello xa avanzou que asumirá o custe dos recursos necesarios sempre que se cumpran os requisitos establecidos. Deste modo, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal, tanto os de xardín como os domésticos; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para outros programas de educación ambiental.

Institucional

Publica o teu comentario agora