Fomento colaborará na adquisición do castelo de Pambre

Fomento colaborará na adquisición do castelo de Pambre

21 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O  recente falecemento de Manuel Taboada Fernández, conde de Borraxeiros, abriu un novo capítulo arredor do futuro da histórica fortaleza do século XV. O seu testamento indica que lle doa o castelo á congregación dos “Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres”, ubicada na cidade de Vigo. O irmán Donaire, superior da orde relixiosa, xa adiantou a súa vontade de vender a propiedade, coa esperanza de que a operación contribuia a paliar os seus problemas económicos. Os Hermanos dos Enfermos Pobres sosteñen un albergue para transeuntes en Vigo, coidan de 150 internos “pobres de solemnidade e traballan con alcohólicos, drogadictos e pacientes de VIH. A comunidade relixiosa foi fundada en 1946 por Antonio Jácome Pumar, natural de Parada do Sil e componse na actualidade de 15 persoas.

En Palas de Rei, colectivos cidadáns e o Concello insisten na necesidade de que o castelo pase a mans públicas. A Xunta de Galicia xa indicou que a adquisición non é unha das súas prioridades. Pola contra a Deputación de Lugo sí adiantou disposición a colaborar nun proxecto desas características, ao igual que agora o Ministerio de Fomento.

 

Sociedade