Formación, ilusión e ideas

Tamara Miragaya estréase como membro do goberno local en Benestar Social, Comunicación e Deportes.
13 de Setembro, 2019 - 12:28 h. | Publicada por Radio Fene

Empeza o curso político para Tamara Miragaya, a concelleira máis nova da corporación fenesa, coas Tardes activas, as Escolas Deportivas municipais ou a solidaridade coas enfermidades Mitocondriais e AFAL.

ESCOITA O PODCAST:

Tamara Miragaya é a concelleira máis nova da Corporación local de Fene. As últimas eleccións levaronna a formar parte do goberno municipal con responsabilidade nas áreas de Benestar Social, Participación cidadá, Comunicación ou Deportes. En relación coa primeira, presentou onte ás sociedades o Programa de Envellecemento Activo “Tardes activas” sobre o que lle preguntamos esta mañá na Fenestra. Os seus estudos e profesión son o Traballo Social, así que chega ao cargo con ilusión e con moitas ideas, segundo confesou.

O seu departamento apoia tamén a Semana Mundial das enfermidades Mitocondriales. Fene súmase alumeando de cor verde na fachada do concello durante esta fín de semana, do sabado 14 ao luns 16 de setembro. Dar visibilidade a estas doenzas é a finalidade desta acción, en palabras de Tamara Miragaya. Como o é tamén a colaboración que prestará o concello fenés á asociación AFAL que pretende descentralizar as súas iniciativas e atención aos usuariose usuarias.

Despois de facerse coas súas responsabilidades de goberno, Miragaya afronta a actividade política real co empezo do curso político. De feito o luns 16 comeza, por exemplo, o período de matrícula nas Escolas Deportivas Municipais, que repiten modalidade por ser as que máis demanda teñen. 

Obradoiros de Envellecemento Activo.

Entre o luns 16 e o venres 27 de setembro, as persoas interesadas poderán formalizar a súa participación nestas actividades, que son de balde para os participantes eque se desenvolverán en locais das entidades sociais e culturais de Fene ou no Centro Municipal de Servizos Sociais entre o 30 de setembro e xuño. Os obradoiros só se realizarán se se reúnen un mínimo de 10 persoas por grupo e as prazas cubriranse por orde de inscrición. As Tardes activas presentáronse onte ás entidades sociais. Os obradoiros van orientados á estimulación cognitiva, de recuperación da memoria e tamén se ten programado unha escola de avós e avoas.

No que respecta á estimulación cognitiva, hai dous obradoiros. Un deles chámase “+ Memoria” e pretende manter activa a mente e mellorar a memoria dos participantes con esquecementos cotiás mediante dinámicas de ocio e grupais. Outro dos obradoiros leva por nome “Recordando o noso” e céntrase nas lembranzas dos maiores traballando as funcións cognitivas. Os obradoiros de recuperación da memoria propoñen actividades en grupo para mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención e mesmo poden axudar a retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable. Finalmente, na escola de avós e avoas proponse un programa de intercambio de experiencias e transmisión de coñecementos en sesións en grupo a partir dunha temática de traballo escollida. A presentación do traballo realizarase nos centros escolares en diferentes formatos. Así, haberá saídas socioeducativas, exposicións de fotos, programas de radio, etc. Trabállase nesta escola o intercambio interxeneracional, a base deste obradoiro. Cada persoa poderá elixir as actividades ás que acudir, independentemente da parroquia na que viva. Todos os obradoiros terán unha duración de hora e media, están abertos á poboación en idade madura e a inscrición é gratuíta.

Institucional

Publica o teu comentario agora