Formación para socorristas

Formación para socorristas
19 de Outubro, 2018 - 11:27 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene colabora coa Deputación na organización do Curso de Coordinación de Servizos de Socorrismo en Instalacións e Espazos Naturais Acuáticos que se celebrará no marco do Proxecto EIXO_Estratexia de Inserción Xove do Plan de Emprego Local. As persoas interesadas en participar poden, dende xa e ata o vindeiro 14 de novembro, formalizar a súa inscrición na Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” do Concello de Fene -praza do Alcalde Ramón Souto González- ou solicitar máis información a través do teléfono 981 492 767 e correo orientacion.laboral@fene.gal.

Praia de Almieiras. Limodre. Fene

O obxectivo deste curso é formar para o desenvolvemento das tarefas de responsabilidades de coordinación dos equipos de socorristas para os areais, as praias fluviais e outros espazos onde se desenvolven actividades acuáticas, ao tempo que complementan as súas responsabilidades e tarefas co persoal dos servizos de emerxencias e prevención das agrupacións municipais de Protección Civil.

A formación específica irá acompañada de prácticas en empresa, 120 horas, e formación transversal en idiomas, novas tecnoloxías, así como de accións de apoio na busca de oportunidades laborais en entidades e empresas. Os requisitos para participar son estar empadroado en Fene ou nalgún dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia; ter máis de 16 anos e menos de 30 e estar  rexistrado/a no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; non estar realizando accións formativas nin educativas; non estar traballando e cumprir os requisitos de formación adscritos ao certificado de profesionalidade de nivel 3: estudos de bacharelato, certificado de profesionalidade de nivel 3, certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia profesional, ou formas de acceso equivalentes.

Institucional

Publica o teu comentario agora