Foron malos tempos para os artistas

Foron malos tempos para os artistas
23 de Xuño, 2020 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

Nós facemos "cultura de bar" dí Maximino López da sala La Room de Ferrol que volve abrir o venres 3 de xullo. Os artistas pasárono moi mal e a sala ferrolana quere que actúen alí ao longo do verán.

ESCOITA O PODCAST:

A primeira vista non parece que o verán sexa tempo de salas de música pero este ano a Covid19 obriga a suspender verbenas e festivais, así que poden funcionar ben locais como a sala La Room de Ferrol, aos que xa o ano pasado non lles foi nada mal en tempo de estío.  O venres 3 de xullo abren as portas de novo para iniciar a etapa post-covid19. Agardan que a Xunta de Galicia anuncie esta semana exactamente con que aforo poden traballar, se o 50 ou o 75%. “Eu estou tranquilo porque en La Room temos moito espazo, aseos moi grandes, e podemos dar un servizo con seguridade. Logo está a responsabilidade da xente” afirma Maximino López, un dos xerentes da sala ferrolá na que poden entrar algo máis de 100 persoas seguindo a pauta de dúas por metro cadrado. Coas restricións actuais, poderían entrar na sala, entre 60 e 80 persoas.

Foron malos tempos para os artistas. La Room pensa antes de nada nos artistas locais e por iso o venres 3 de xullo ás dez e media da noite abren co micro teatro de Helga Méndez que ofrecerá dúas pezas. Unha delas chámase “Desescalada hacia la fama” . A partir das doce da noite actuará o dúo formado por dous Malditos Pendejos; Tony Torres e Octavio García. Todos os venres e sábados do verán haberá actuacións en La Room, empezando polos artistas máis próximos e seguindo polos de máis lonxe, como “La penúltima sabinera” ou “Las sexpeares” de Baracaldo, reservadas para setembro. Non desbotan algunha actuación puntual polo medio da semana. “Queremos seguir na mesma liña que estabamos, quizás con máis esforzo porque os artistas pasárono moi mal” explica Maximino López quen pensa recuperar algúns dos concertos que foron suspendidos a causa da alarma sanitaria. “Este ano non hai festivais e tampouco moitas verbenas, así que con máis motivo hai que funcionar ben”.

 

(Na imaxe "Las sexpeares")

Cultura

Publica o teu comentario agora